Santa Inés, que ten o seu día no 21 de
xaneiro, represéntase cun año no colo, porque a partir da súa morte, en tal día
eran bendicidos en Roma os años que darán a la con que as monxas do convento da
súa advocación tecen o palio do papa e dos arcebispos.
Inés, que en grego vén a significar
pura, morreu virxe ós doce anos, despois de rexeitar as pretensións do
caprichoso fillo do prefecto de Roma e declarar publicamente que ela só estaba
casada con Cristo. O malo é que se lle ocorreu dicir isto cando se acababa de
promulgar unha das máis duras persecucións contra os cristiáns, e o rexeitado
pretendente, influeu en seu pai para que a castigase e atormentase ata que ela
dixese que o aceptaba. E para intentar convencela, ameazárona e mandárona a un
prostíbulo, onde despois de espila para que fose poxada como animal de feira, o
pelo medroulle milagrosamente tapándolle todo o corpo para protexer a súa
virxindade.
Tal portento, a dicir dos entendidos,
evoca un dos principios do cristianismo, tal é a resurrección, o florecemento
da vida a pesar das inclemencias, e neste caso, dadas as datas da súa festividade
(teñamos en conta que son datas escollidas simbolicamente polos pais da
Igrexa), vén simbolizar a fertilidade que se agarda nos campos unha vez que os
días xa se notan medrados, tanto pola rápida maneira de abrollar como pola
antiga asociación do pelo como símbolo de vida, pois el, que se perde coa
ancianidade, medra neste caso augurando o medre de quen abraza a fe cristiá.
Metérona logo nunha fogueira, pero o lume apartou dela, e finalmente atravesaron
a súa garganta cunha espada.Artigo relacionado
O pelo, símbolo de vida e vigor
Ningún comentario:
Publicar un comentario