xoves, 7 de agosto de 2014

AS IMPÚDICAS SEREAS

Por Pepe de Rocaforte                                                                                                        



        
    Ramón Conde vénme por segunda vez en pouco tempo a estes comentarios intranscendentes. A noticia xa é da semana pasada, pero non tiven tempo de me ocupar antes dela. Refírome á exposición deste escultor sobre "O Poder" inaugurada hai cousa de oito días en Santiago.
            Segundo xa saberán vostedes, ó Cabildo Catedralicio compostelán non lle gustaron nada as figuras expostas na "Casa do Cabildo", nas Praterías, por atentar contra o bo gusto e ferir a sensibilidade e o sentido do pudor dos visitantes da catedral, alí ó lado.

            O escultor, pola súa parte, comentou finamente o curioso que dunhas esculturas tan grandes só chamen a atención uns escasos cinco centímetros. Pero tan curioso non é. ¿Ou de onde procede o feito de que boa parte das figuras escultóricas masculinas da antigüidade clásica aparezan cos sexos mutilados? ¿É que Fidias, Praxíteles e compañía as esculpían así?
            A noticia compostelá tróuxome á memoria unha tira de comic  na que un home ía pola rúa e de cada muller con quen se cruzaba facíase unha representación mental dela enteiramente espida. De pronto tropeza cunha moza núa e, indignado por aquel ataque á súa "capacidade de soñar", sinte rompérselle os esquemas. Non era así como a quería ver para logo imaxinala ó seu xeito.
 
Antes
         E ese debe ser o problema dos nosos moralistas de catro patacóns, sempre dispostos a velar polo noso sentido do pudor e a nosa sensibilidade no terreo sexual, impoñendo como sexa os seus criterios sobre a cuestión.
            Hai algún tempo fixen unhas fotos, con vistas a unha colaboración neste blog, sobre as representacións de sereas na Coruña. Xa saberán vostedes, e se non o saben dígollo eu, que dun tempo para acá nesta cidade abondan as figuras deses seres míticos, desde "O soño da sirea", de Correa Corredoira, as sereas de Buciños, a de Márgara Hernández na praia do Matadeiro ou a de Mª Jesús Urgoiti na praia de San Amaro, ós grafitti máis ou menos artísticos duns mozos con esprays nos espacios urbanos axeitados ou non para a súa creatividade.
Despois da censura
            E velaí por onde coa serea pintada no Paseo Marítimo, á altura das Lagoas, un celoso defensor da moral e do pudor segundo a súa particular visión, axiña gastou dilixente uns aerosoles para evitarnos caír na tentación de quen sabe que retortas ideas aniñadas na súa cabeciña.
            Aí lle deixo as mostras gráficas para que opinen.

Ningún comentario:

Publicar un comentario