Por Pepe de Rocaforte
Levaba uns días dándolle voltas á idea de escribir algo sobre lugares cun certo atractivo turístico que, na miña opinión, se podería ver incrementado coa lectura dalgún libro no cal atopar unha visión distinta, máis ou menos literaria, cun enfoque histórico e/ou anecdótico sobre un pasado xeralmente descoñecido e atractivo para o visitante ocasional. E nesto encóntrome cun artigo de Javier Rodríguez Marcos, que empeza así: Un libro pode ser un pretexto tan decisivo coma un monumento para visitar unha cidade.
O artigo refírese a Trieste e fala,
¿cómo non?, de Italo Svevo, de Joyce, de Claudio Magris e de Marisa Madieri
entre outros. A min Trieste vénme chamando a atención desde cando, hai xa
bastantes anos, lin “A conciencia de Zeno”. Esta primavera pasei por alí, pero
sen parar, e o único que puiden ver desde a estrada de circunvalación pareceume
máis ben decepcionante, pero unha visión tan escasa e parcial resulta inxusta e
debo deixar para máis adiante unha opinión máis axeitada se me podo achegar por
alí con máis tempo dispoñible. Nesta ocasión fun parar a Opatija, na península
de Istria, ó lado da actual Rijeka, onde nos anos vinte do século pasado o
poeta proto-fascista Gabriele D’Annunzio proclamou a efémera República de
Fiume. E en Opatija puiden saborear o encanto das pequenas localidades
rebordantes da atmosfera neoclásica tan literaria de seu, destino de veraneo centroeuropeo
en tempos do imperio austro-húngaro (e tamén agora).
Pero volvendo á miña intención:
quería falar de localidades galegas máis modestas, pero tamén cunha certa
historia ás súas costas, e un dos lugares que me viña á cabeza era o de
Corcubión. Conservaba o recordo dalgúns textos de Francisco Ramón Ballesteros
que, repasados agora, non ofrecen unha información tan extensa como me parecía,
pero así e todo bastante aproveitable aínda.
Con vistas ó que podería escribir
busquei o nome de don Paco Ramón na Gran Enciclopedia Gallega, coa sorpresa de
non encontrar alí o seu nome. Como tampouco o localizaría no DEGU. Nin (esto xa
é definitivo) en Google, onde as únicas referencias ó corcubionés son os
títulos de varios libros seus ofertados por librerías de segunda man. Falarei
co meu amigo José Manuel Dopazo a ver se pode ilustrarme sobre o particular e,
tamén, se alguén me le e ten algunha información a este respecto, esperar que
me facilite datos sobre o autor de “Fantasías y realidades de la Costa de la
Muerte”, “Historias del Más Allá”, “Oscurantismo finisterrano” e tantos outros
títulos da súa extensa producción.
Ningún comentario:
Publicar un comentario