sábado, 30 de agosto de 2014

VERSOS AO XEITO POPULAR

 por ANDRÉS TERRA

Cando estaba máis que canso
Vello Xan Pobo Galego
De tanta miña-terriña-
Gaitiña-bombo-muiñeira…

Un galego empoleirado
Chegou daló da Meseta,
-destes que chaman Galiza
Ao caldo ao lacón con grelos

Á queimada e á langosta
Ao pulpo e máis aos percebes
Ao chalé (que con ser tal
Está-pero-non na Terra)

Con motora incorporada
No portiño dalí perto.
E pola boca ceibou
Un discurso deste xeito:

“Coyuntura-compromiso-
Concomitancia-incidencia-
Extratipo-plusvalía-
Inflación-bum y chequeo-

Apertura-asociación-
Subdesarrollo-reserva-
Potencial-infraestructura-
Erradicación-baremo-

Autopista-siderúrgica-
Celulosa e iberpuerto…”


E levando a man à pucha
Cun riso inda que el máis vello,
Rosmou meu tio Xan Pobo:
“Xa te entendo, xa te entendo…”

(1975)


Ningún comentario:

Publicar un comentario