Aínda que o vexamos adornado coas cunchas do peregrino, san Roque nunca estivo en Compostela. O único lugar a onde el peregrinou foi a Roma, por iso as chaves postas no gorro son máis adecuadas para el, que foi romeiro en anos de peste; e nese camiño que o levaba de Montpellier á cidade papal, el mesmo, que exerceu a enfermería entre os contaxiados, se contaxiou de tan maligna enfermidade, polo que houbo de retirarse a unha cova tratando de curarse sen estender o seu mal, e a ese refuxio que el escollera acudía diariamente un canciño levándolle un pan na boca, ese canciño do que as malas linguas din que non ten rabo. Máis tan desfigurado e enfermo volveu á súa terra que o seu propio tío, gobernador nese intre de Montpellier, o meteu á cadea tomándoo por un vago e maleante, a onde un anxiño do ceo lle levaba cada día o consolo, mentres el agoniaba sen ser recoñecido coma quen era: fillo dos defuntos señores de Montpellier, herdeiro directo e que por mor da súa peregrinación deixara ó tío como administrador de todos os seus bens.
E foi por curar ós pergrinos e
viandantes do mal polo que se asociou a todos os viaxeiros e a súa figura está
na porta de entrada a moitas cidades, para deixar os males e as enfermidades fóra
das murallas. As mesmas cidades portuarias o adoptaron como protector contra a
peste a partir do famoso andazo do século XIV, e así o vemos, co seu canciño ó
lado, amosando a perna chagada, ás veces con tanto afán de amosar, que, como
nesta imaxe de San Paio de Narla, ata amosar a ingua peluda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario