domingo, 19 de outubro de 2014

A serpe no imaxinario relixioso-popular



Por Rosa Benigna Vizcaya
            Ademais de icona da medicina e da farmacia, a serpe estaba asociada á fecundidade. Teñamos en conta que ela era quen comía pequenos roedores que estragaban os silos, onde se gardaba a semente e o gran, chegando algunhas a ser animais de compaña xa na antiga Grecia.
            Asemade a deusa Isis en Exipto tiña unhas serpentes por compañía, igual ca outros deuses fenicios ou mesopotámicos relacionados coa vida. Sen embargo, na mitoloxía a serpe tamén aparece, nalgunha ocasión como representación do mal, tal cando Apolo, deus solar, se enfronta e mata a Pitón a serpe que atormentara a súa nai Latona.

Os romanos identificaban a algúns Manes coa serpe e dicían que a columna vertebral dos defuntos chegaba a converterse en cobra na tumba. ¿Ten isto algunha relación coa crenza de que as almas dos finados viaxan a Teixido en forma de réptil?.
Polo uso do seu veleno na preparación dalgunhas apócemas foi o emblema do deus da medicina, Esculapio, así como símbolo da resurrección dada a súa capacidade para cambiar de pel. E precisamente por ser animal que muda a pel, chegouse a recomendar en Galicia o caldo de serpe para axudarlle á parturiente a expulsar a placenta.
            Do culto á serpe quedaron varias mostras en distintos petroglifos galegos así como na coñecida pedra da Serpe de Gundimil, aínda que coa chegada do cristianismo, de clara influencia hebrea, a serpe foi asociada ó mal, e tal vez daí naza esa crenza misóxina segundo a cal, se se lle arrinca a unha muller un pelo con raíz, e se deixa nunha poza de auga clara, ese pelo acaba convertido en serpe. Non obstante, non sempre a Igrexa conseguiu desterrar antigos costumes relacionados con estes animais, como é o caso de algunhas poboacións dos Abruzos, en Italia, onde na procesión de Santo Domingo, a principios de maio, lévase a imaxe do santo cuberta de cobras vivas porque é avogoso contra as súas mordeduras.

            Contrariamente ó que poidamos crer, a serpe nin sequera na Biblia foi sempre animal maligno, pois Deus como remedio contra unha praga destes ofidios que causara moitas mortes, mandoulle a Moisés facer unha de bronce  para que os enfermos que a visen sandasen (Nm 21, 4-9), converténdose en obxecto de culto relixioso, a quen se lle ofrecía incenso, ata que a destruíu o rei Ezequías durante a súa reforma relixiosa (2 Re 18, 4); claro que isto ocorre nunca rexión próxima a Canaán onde a serpe era adorada como símbolo de fertilidade asociada á deusa fenicia da fecundidade Astarté. É esta creo que é unha evidencia de que o libro dos Números foi escrito antes de que os hebreos trocaran de opinión, e polo tanto, antes de que se redactase o libro da Xénese onde a serpe se nos presenta como encarnación do demo incitador do pecado, imaxe que chega ata nós convertendo a este animal nun símbolo do maligno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario