mércores, 1 de outubro de 2014

Fides, a deusa da fidelidade



       
     Aí vén o inverno, o temible tempo que arrasa coas vidas, e para el nos preparamos, desde os máis antigos tempos, procurando a axuda dos santos e deuses protectores do corpo pero tamén amañando a nosa conciencia por se o final do camiño está preto.
            Por este temor ó inclemente tempo, os romanos veneraban nestes primeiros días en que o sol acurta as súa estancia no firmamento a divindades como Fides, a deusa dos bos tratos, a que envolvía a man dereita cun pano branco en sinal de pureza, aquela a quen lle ofrecían viño que cura o corpo, incenso que o purifica e flores que son símbolo da vida. A ela rendíanlle culto neste comezo do tempo frío, porque ela tamén era a custodia dos testamentos, que se gardaban no seu templo, e quen velaba pola palabra dada. Máis, segundo nos contan os mitólogos romanos, un día a deusa fuxiu da terra, cando se viu aldraxada pola falta de xustiza e a avaricia, asegurando que non ha de volver mentres os males da envexa e a traizón sigan entre os homes.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario