O que máis me gusta de Froilán (o santo bispo lugués) é esa
capacidade que el tiña de impoñer o seu criterio. Fíxoo cando un lobo lle comeu
o burro que lle levaba os libros, e entón colleu á fera e obrigouna a cargar
coas alforxas que antes lle levaba o burriño. Tamén que el, para non se meter
en camisas de once varas, cando uns mensaxeiros da autoridade da época lle
preguntaron (sen saber que era el), se coñecía e sabía onde andaba un tal
Froilán, a quen querían nomear bispo, el mentiu sen arrepentimento escorrendo o
vulto: Ese tipo hoxe non está no convento que vai de viaxe.
Con estas dúas anécdotas
que nos contan os seus haxiógrafos, podemos dicir xa que san Froilán, antes de
ser santo era un argalleiro, sen embargo caía ben nas esferas celestiais, pois
estando de eremita e cavilando se dedicarse ou non á predicación, antes xa de
mercar o burriño, meteu uns carbóns incandescentes na boca, para poñer á proba
o mesmísimo Deus, e que así, se Deus non quería que falase en público lle
queimase a lingua e se o quería nos púlpitos que os carbóns se convertesen en
doces e non lle fixesen dano. E non só non lle fixeron dano, senón que, aínda
por se había algunha dúbida, cando xa ía decidido a dar o primeiro sermón, dúas
pombas baixadas do ceo entraron na súa boca en sinal de que as súas palabras
serían puras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario