Por Pepe de
Rocaforte
Ando a
ler “Descanso de caminantes”, de Adolfo Bioy Casares, texto entre diario e
libro de notas, publicado por Daniel Martino dous anos despois da norte do
autor. Entre outras cousas atopo
aquí esta información: Hay versos que
sabemos de memoria porque los aprendimos a lo largo de la vida … por ejemplo:
“En el cielo las estrellas, / en el campo las espinas, / y en el medio de mi
pecho / la República Argentina” … el autor de los versos se llama José Piñeiro
y era gallego. Fue colaborador de “Caras y Caretas” y era poeta del barrio
donde vivía…
Inmediatamente fun a
internet en busca de información. Non aparece na “Wiki” nin na “Galipedia”,
pero entre algo de aquí e algo de alá puiden saber que este noso paisano era
natural de Pontevedra, onde naceu en 1879. En 1896 chegou á Arxentina embarcado
como polisón e alí empezou a súa andaina de emigrante traballando de “mozo para
todo” nun almacén, onde durmía no mostrador, caso habitual segundo lle teño
oído a outros emigrantes.
José Piñeiro |
Máis adiante foi
acomodador nun cine. Dirixiu logo unha empresa de mudanzas e foi administrador
dunha cadea de cines. Colaborou na revista “Caras y Caretas”, fundada por outro
español, Eustaquio Pellicer, de quen falarei nunha próxima entrega destas notas
erráticas. Colaborou así mesmo en “Fray Mocho”, e creou máis tarde, xunto con
outros dous paisanos, o periódico quincenal “El despertar gallego”.
Posteriormente, en
1918, foi administrador do xornal “Los Aliados” e morrería, con 87 anos, en
abril de 1967, en Mar del Plata, onde as súas cinzas foron botadas ó mar.
Os versos desta
cuarteta, “expresión de arxentinidade”, escribiunos en 1901, durante unha
visita a La Paz (Entre Ríos), para que unha nena, filla duns seus parentes, os
recitase na Escola José de San Martin, daquela localidade. Co tempo, e con
música doutro emigrante, o catalán Manuel Jovés, os versos fixéronse tan
famosos e populares como entre nós poden ser os da “Rianxeira”, outro tema de orixe
un tanto incerto do cal me gustaría tratar tamén neste blog.
Ningún comentario:
Publicar un comentario