venres, 10 de outubro de 2014

Meditrina e a medicina do viño.



          
  O cego curou a Lázaro de Tormes con máis viño do que o pícaro lle rapiñaba, protestaba o invidente, e é que o viño viña sendo coñecido desde o tempo dos romanos como unha menciña sagrada, e por iso, coincidindo cos idus de outubro, festexaban a Meditrina, a deusa das vides, quen, como o viño era menciña curativa, axiña pasou a ser a deusa da saúde.
            Durante o seu festexo mesturábase o viño recén espremido co viño vello  e bebíase recitando o salmo: “Bebo o viño vello, bebo o viño novo, e así cúrome das enfermidades vellas e das enfermidades novas”.
            Máis chegou un momento no que a deusa perdeu poder de convocatoria, e aínda que se chegou a asociar e incluso a emparentar a esta deusa co deus grego da medicina, Esculapio (o Asclepio grego), foi finalmente este quen se fixo patrón do festexo romano, arredor do ano 293 a.C. tras sufrir unha epidemia contra a que non puideron os deuses autóctonos e si unha das serpes sagradas que había no seu templo de Epidaura, pois foi chegar con ela a porto, escaparse a serpe e sentir todos os enfermos unha melloría repentina. Tal foi o milagre que alí onde a serpe fuxira erixíronlle un templo a Esculapio, e os devotos deron en pasar a noite no lugar coa esperanza de que, mentres durmían fosen curados do mal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario