martes, 7 de xullo de 2015

Na hora de parir (IV)



              Coidados da memoria
            Entre esa restra de coidados preventivos que se seguían en distintas partes do país, chama a atención o de darlle ó recén nado “a memoria”, consistente nunha cunca de viño do país no que se ferveu unha moeda de cobre, como recolle Taboada Chivite, un remedio que facilitaría a intelixencia do neno no futuro, aínda que segundo o etnógrafo había lugares en que a moeda tiña que ser de prata. E aquí, temos  que lembrar o costume dos romanos de poñerlle unha moeda na boca ós finados para que cruzasen con ben as portas da Outra Vida, así como o ritual que celebraban en Outubro co primeiro viño, en que recitaban como medida profiláctica durante as festas das Meditrinas, en honor da deusa das vides, aquilo de: bebo o viño vello, bebo o viño novo, e así cúrome das enfermidades vellas e das enfermidades novas.
            Tampouco se podía trasladar ó recen de casa durante a noite, se non se lle metía entre a roupa un anaco de pan ou un dente de allo, e na zona da Limia, téñennos contado que non se podía trasladar a un neno a través do río, se non se lle poñía entre a roupa unha pedra do seu lugar de orixe, para que non se esquecese ou perdese a memoria; o que nos lembra a lenda do esquecemento, de cando Décimo Xunio Bruto quixo cruzar o Limia, e os seus soldados se negaban convencidos de que aquel era o río do esquecemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario