mércores, 15 de xullo de 2015

Os xogos apolinares



     
        Instituídos no ano 212 a.C., para conxurar os perigos xurdidos da Segunda Guerra Púnica, motivados polas fames, pestes e andazos dela derivados, acabaron por converterse nuns xogos anuais, a celebrar sobre o doce de xullo, para invocar ó deus contra as feridas, as lesións e tamén a escaseza de comida que a contenda contra Anibal provocaba, sacrificándolle años brancos e un touro coa cornamenta dourada.

                E deste festexo podemos entender que permanecen en Galiza e no mundo cristián herdeiro de Roma, multitude de invocacións a santos como san Bieito, o día once, contra as afeccións cutáneas ou a san Paio de Morás contra tumores e traumatismos, con romaxe no primeiro domingo de xullo, pois el mesmo os sufriu na corte de Abderramán III, onde foi despezado e os seus restos, traídos anos máis tarde a terra cristiá, foron quedando en multitude de santuarios entre Córdoba e Tuí, e el convertido nun intercesor coa divindade para arredar as doenzas derivadas de roturas, golpes, mazaduras ou cortes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario