xoves, 23 de xullo de 2015

Berlín Alexanderplatz

Por Pepe De Rocaforte
     
       A primeira información que tiven sobre “Berlín Alexanderplatz” foi alá polos anos oitenta do século pasado gracias a unha serie de televisión que non vin, pero que gozou de certa sona por aquel tempo.
Atoparía máis información sobre o texto e o autor xa andados uns anos deste século lendo un ensaio de Günter Grass titulado “Sobre o meu mestre, Döblin”, onde facía un percorrido pola obra do escritor berlinés de quen se confesaba discípulo e admirador.
Logo lin a documentada introdución de Muguel Sáenz á súa tradución do texto de Döblin, onde situaba a novela entre as máis importantes do século XX. Comparábaa, pola materia argumental, co “Ulises”de Joyce e o “Manhattan Transfer” de Dos Passos, para dicir que, “formalmente Joyce é insuperable, pero a súa temática non é atraínte”. En canto a Dos Passos, “as súas personaxes non teñen a densidade sentimental das grandes personaxes novelescas”, aspectos ambos nos cales foran superadas por “Berlín Alexanderplatz”.
Cambiando aparentemente de terzo: Nestes días pasados acabei de ler “O anarquista e outros relatos” de Conrad. Cando cheguei ó titulado “A Bestia” admiroume particularmente a convicción e a naturalidade con que o autor nos introduce, sen alardes, no ambiente dunha historia náutica, o cal me trouxo á cabeza o recordo de cando aínda non hai moito tempo se falaba por aquí das carencias da nosa literatura. “Non temos novela negra” (agora si), “non temos novela de kiosco”, “non temos novela do mar”...

Novela do mar. ¿Cómo a iamos ter, carecendo de outores con verdadeira experiencia marítima? (e que me perdoen Alfredo Conde, Valentín Carrera e algúns máis novos), o que me fai retomar o nome de Alfred Döblin. O escritor berlinés, antes de escribir esta súa máxima obra, publicara entre outros títulos “Os tres saltos de Wang-lun” e “Manas”, de peripecia e ambientación exótica. Falando de “Berlín Alexanderplatz” dixo: Coñezo Berlín Este desde hai decenios, porque me criei aquí, fun ó colexio e, máis tarde, empecei a exercer a miña profesión. Mentres que antes concedía grande importancia á fantasía (...) no último deceniou agudizouse a miña visión, en realidade a miña conciencia, do meu propio entorno e da paisaxe onde me movía: o Berlín Oriental. Puiden observar esa clase de homes (...) e observeina da única forma verdadeira: vivindo, tratando e sufrindo con eles (...) O libro ofrece unha mostra de cómo vin a aqueles homes. “ Podemos tomar nota.
E agora, para combater a xermanofobia que nestes últimos tempos se vén apoderando de min diante da actitude do goberno alemán, disposta a machacar a Grecia co aplauso servíl dos restantes países da Unión Europea, no que xa se pode considerar o inicio da Terceira Gran Guerra, unha guerra na cal en lugar de utilizar a maquinaria bélica se bota man da arma da economía capitalista, tanto ou máis letal á hora de orixinar miseria, desesperación e morte nos países agredidos. Para combater ese sentimento xermanófobo, digo, poreime a ler “Berlín Alexanderplatz”, de Alfred Döblin.



Ningún comentario:

Publicar un comentario