mércores, 22 de xullo de 2015

Leo, o león de Nemea


Había un león que habitaba en Nemea sementando o terror, devorando todo canto atopaba por diante, xa fosen persoas ou animais, polo que os habitantes do lugar imploraron a axuda dos deuses.
A fera tiña por morada unha cova con dúas entradas, de maneira que se o atacaban por unha sempre podía escapar pola outra e coller ós atacantes desprevenidos. Por iso, cando a Hércules lle encargaron como primeiro traballo darlle morte a aquel monstro, o primeiro que fixo foi taponar unha das entradas, e logo foi cara el sen darlle oportunidade de escapulirse, facéndolle fronte, incitándoo, agardando que aquel viñese cara el. E cando o fixo abrazouno polo pescozo, apertando ata afogalo, e despois de arrincarlles as uñas, con elas mesmas esfolouno para usar a súa pel como capa e a súa caveira como casco.

            E gustoulle tanto a Zeus a aventura do seu fillo, que puxo ó león entre as constelacións do ceo, coma quen pon nunha repisa da casa o trofeo gañado nunha competición deportiva polo seu renteno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario