xoves, 16 de xullo de 2015

JOSÉ ÁNGEL VALENTE



Por Pepe de Rocaforte
            Falaba, nunha colaboración anterior, da miña visita á casa de Federico García Lorca en Valderrubio, nunha silenciosa mañá de primavera que, máis que a percorrer o interior da casa, convidaba a dar un paseo á toa por aquela Rúa da Igrexa contemplando as paisaxes que de neno verían os ollos de Federico naquela localidade hoxe aparentemente deserta que dun xeito estraño me traía á memoria os espacios oníricos, silenciosos e ilimitados, dalgúns textos de Dino Buzzati.
            Vai esto por diante para falar doutra casa con algúns puntos de unión con esta de Valderrubio. Ámbalas dúas foron habitadas por poetas e ambas, gracias á “Junta de Andalucía” e, neste caso, ó concello de Almería, foron rehabilitadas e adecuadas para servir de recordatorio e homenaxe ós escritores que nun tempo as habitaron.
            A outra casa a que me refiro, situada no número 7 da rúa de José Ángel Valente, en Almería, foi onde durante un tempo viviu o poeta ourensán, hoxe alí lembrado por partida dobre, non só por lle teren dado o seu nome á rúa, senón pola rehabilitación do edificio, na porta do cal unha placa nos lembra quen foi o seu propietario.
            Chegado aquí a pregunta que me xurde é: ¿Hai en Ourense algunha placa nun edificio (non falo do cemiterio) que nos lembre este fillo seu, un dos máis grandes poetas do século XX?
            De habela, débeseme perdoar o non tela visto.
            De non habela, ¿cando se lle porá remedio a este esquecemento?

Ningún comentario:

Publicar un comentario