Por
Pepe de Rocaforte
Segundo sentencia da xustiza israelí, emitida a semana
pasada, os manuscritos de Franz Kafka, ata agora en poder dos herdeiros de Max
Brod, deben ser entregados á Biblioteca Nacional de Israel. Un pensa que, aínda
tendo en conta a orixe xudía do escritor, o máis apropiado sería devolvelos a
Praga, a cidade natal e sen dúbida maior inspiradora da súa obra.
Certo que en Praga ata hai pouco tempo non se ocuparon
moito do seu grande escritor. É máis, teño entendido que foi un autor prohibido
e os checos criados na época comunista descoñecían mesmo a súa existencia.
Agora, por imposicións do turismo, empézanse a multiplicar na capital checa as
referencias a Kafka: unha placa co seu retrato (e tamén un café co seu nome) na
casa onde naceu; o Museo Kafka na Malá Strana, á beira do Moldava; un grupo
escultórico xunto á Sinagoga Española, no barrio xudeu; e ata un letreiro na
casa número 22 do Canellón do Ouro, onde viviu escasamente un ano. Algo similar
ó que por idénticos motivos sucede en Viena coa Emperatriz Elisabeth, a popular
Sissi. O turismo manda.
Pero o máis grande monumento a Kafka existe en Praga
desde moito antes de Kafka nacer: o Castelo. Ese Castelo recreado por el na
(para min) súa mellor novela, como símbolo dunha opresión arbitraria, ignorante
e invisible.
Ese Castelo despótico, onde quen nos tratan de someter ó
seu capricho se consideran superiores por estar no alto e nos desprezan, como
aquí mesmo podemos ver actualmente con uns ineptos que se consideran por riba
do resto dos mortais, a pesar de seren só uns mandados por ese outro poder
necesitado de se manter na sombra, carente de toda lexitimación, divindade como
a que caprichosamente xogaba co súbdito e o mandaba subir ó monte para alí, en honor
a el, sacrificarlle o seu fillo.
¿Como aquel súbdito, escoitaremos, calaremos e obedeceremos
para non ser considerados uns extremistas radicais por ese poder, el si
extremista, radical e terrorista?
Pero
xa me estou poñendo estupendo e de Kafka e Praga paso a falar de España,
Mariano Rajoy e cantos están por riba del.
Desculpádeme.
Ningún comentario:
Publicar un comentario