venres, 4 de marzo de 2016

DIVAGACIÓNS ENCADEADAS



Por Pepe de Rocaforte
            Sucédeme con certa frecuencia, e a todo o mundo lle pasará o mesmo, de empezar a matinar sobre unha cousa calquera e pouco a pouco ir derivando ata chegar a un punto en que me sorprendo a min mesmo pensando en algo ó que non sei como cheguei.
            É o que me acaba de suceder ó longo destes días, antes de me poñer hoxe a escribir. Empezou a cousa a outra semana coa vila portuguesa de Peniche. Nesa miña colaboración anterior citaba de pasada as illas Berlengas e por aí se iniciaron os encadeamentos. O das illas, unha vella teima miña, xa o toquei aquí hai cousa de seis meses. Agora o de Peniche, as Berlengas e as ondas atlánticas, fíxome vir á memoria Irlanda, o cal me levou pola súa vez a un libro de Javier Reverte, “Canta Irlanda”, unha lectura moi recomendable, onde ese excelente autor de libros de viaxes fai un repaso a costumes, historia, literatura, paisaxes e cidades irlandesas.
            Neste libro entre outras moitas interesantes cousas Reverte fala con admiración da película de John Ford “O home tranquilo”. Como xa a tiña medio esquecida, seguín a súa recomendación e volvina ver. Non é das miñas favoritas e ó meu parecer o paso do tempo pésalle moito máis que a outras da mesma época e anteriores. Pero o enfrentamento nun combate homérico entre o ex-boxeador Sean Thornton e Willy Danaher, o irmán da muller con quen Thornton quere casar, levoume a outro tema tamén tratado aquí: o das novelas onde aparece un combate deste tipo.
            A conta desoutra miña colaboración de hai cousa dun ano falárame entón un amigo dunha novela non citada por min, na cal ocupaba un lugar relevante un combate que se saía moito dos patróns habituais, e recomendábame a súa lectura. Non a lin entón, pero acabo de facelo agora. A novela, curta, titúlase “A balada do café triste” e a súa autora é Carson McCullers, de quen nunca nada seu caíra nas miñas mans, se exceptuamos a película “Reflexos nun ollo dourado”, baseada noutra novela súa.

            Debo confesar a fascinación que sentín nada máis empezar a ler esta historia de soidade, de tristeza, de necesidade de amor, nun lugarexo perdido do Sur norteamericano, que ben se podería situar entre o Macondo de García Márquez e a Yoknapatawpha de Faulkner. Nesta aldea unha muller, miss Amelia, diante da expectación de todos os veciños do pobo, vaise enfrentar nun combate impresionante ó seu ex-marido, Marvin Macy, recén saído do cárcere, quen chega disposto a disputarlle o café-tenda-almacén do cal é propietaria.
            Direi que lin case dun tirón esta novela e desde hoxe entrou a formar parte das miñas lecturas favoritas. E o combate entre miss Amelia e Marvin Macy pasará tamén a ocupar un lugar de honra, ó lado do marabilloso relato do combate puxilístico entre Bowen e Burke, na novela de Dinis Machado, “O que diz Molero”, de que xa falei na outra ocasión.
            Naturalmente a miña recomendación de lectura é escusado dicirlla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario