Cando miramos ó ceo e vemos a Osa Maior, que
aquí entre nós coñecemos como “O Carro” e noutros lugares como “o Cullerón”
poucos sabiamos a tremenda historia que encerra.
Parece ser que aló nos tempos en que Zeus
andaba polo mundo poñéndolle os cornos á súa esposa Hera, disfrazado coas
roupas e peles de Artemisa, conseguiu enganar e seducir a Calisto, unha fermosa
ninfa que xa o di todo co seu nome, pois que traducido ó noso idioma significa
algo así como “a máis fermosas entre todas as mulleres”. Unha ninfa que fixera
votos de castidade, e polo que a mesma Artemisa, deusa protectora da caza e
especialmente sensible con aquelas que renunciaban a xacer con varón, a tiña
como dama de compaña.
Como queira que fose, Zeus, o tipo que máis
disfraces usou para lograr as súas conquistas, pois que el en por si nunca tiña
éxito nin coa súa propia esposa Hera, segundo se deduce das crónicas da época,
deixouna preñada e de tal preñez naceu un neno chamado Arcas; e tal foi o
cabreo que colleu Hera cando o soubo, que na vez de repudiar do esposo que
ciscaba fillos polo mundo como un sementador grans, botou toda a súa furia
contra a seducida doncela, e daquela Zeus, temeroso de que a ofendida esposa
provocase unha desgracia, deu a Arcas en adopción e transformou a Calisto en osa.
Pero Hera, argallante como era, descubriu o
disfrace da amante do seu esposo, e insistiu en Artemisa para que a liberase de
tal oso, e tal foi que a deusa da caza lle deu morte á súa dama de
compaña.
Pero aínda hai unha versión moito máis
tráxica e menos difundida. Aquela que di que Arcas, aprendeu co seu protector a
arte da caza, e un día, andando polo monte, encontrouse con súa nai convertida
en oso. A nai, coa alegría quixo abrazar ó seu fillo, e o fillo, pensando que
era unha fera que se botaba sobre el, matouna dun disparo de frecha.
Ningún comentario:
Publicar un comentario