xoves, 24 de marzo de 2016

XOSÉ MARÍA CAO LUACES


Por Pepe de Rocaforte

Hai algún tempo, nunhas colaboracións neste blog sobre Eustaquio Pellicer e a súa revista “Caras y caretas”, fixen un comentario, case de pasada, sobre Xosé María Cao Luaces, debuxante nacido en Cervo en 1862, quen se había facer famoso coa súa obra en revistas arxentinas.
Non coñezo o libro de Siro López, “O caricaturista Xosé María Cao”, editado en 1993 pola Deputación de Lugo, tal vez o texto onde se trata máis por extenso a vida e obra do artista galego, pero teño a man algúns fragmentos dunha biografía inédita de Eustaquio Pellicer, escrita polo seu bisneto Miguel Terradas, nos que se contan algunhas anécdotas de Cao que o autor me autoriza a publicar aquí.
«(Xosé María Cao) ós vintecinco anos chegou a Buenos Aires cos seus pais e era tal a súa pobreza que para cubrir as necesidades máis elementais dedicouse a facerlle caricaturas ós transeúntes no Paseo Colón. Un ano despois da súa chegada asociábase nun taller de gravado e facía ilustracións para varias publicacións (...) Bartolito (Mitre) recomendouno como profesor de debuxo a seu cuñado, o director do colexio Negrotto (...) En 1890 aparecían os seus traballos no almanaque de Casimiro Prieto e na revista “El Farol”.
»Cao era home de mediana estatura, magro e de faciana angulosa. “A súa única fraqueza é a falla de carnes, dicía Demócrito, pois poderíase bañar comodamente no cano dun fusil”. Usaba bigote e un beche longo que lle daban certo aire solemne; pero o máis destacado do seu aspecto era unha mirada que irradiaba profunda humanidade.
»Tiña a definida personalidade do artista: sensible, emotivo, expresivo para expor os seus sentimentos, a veces dramático e esaxerado. A pesar de consagrar todas as súa enerxías á caricatura, era capaz de mostrar a súa forza creadora en calquera rama da arte, xa fose pintura, escultura, poesía ou música. Chegou a manexar a frauta, a guitarra, o piano, a mandolina, a arpa, o violonchelo e o violín. Ningún instrumento lle era estraño ou inaccesible.
»O seu espírito idealista pregábase a todas as causas nobres que se presentasen. Polas súas ideas era republicano federal e ingresara logo na masonería. Odiaba os políticos ladróns, “os desvergoñados vestidos de frac”, como el lles chamaba, e tiña terribles sarcasmos contra todo títere vivinte. En certos momentos daba a impresión de ser un anarquista.
»Se se indignaba contra as inxustizas tiraba os lapis sobre a mesa e metía as mans nos petos como buscando bombas de dinamita. Era incapaz de negociar co seu talento artístico. Certo día, estando moi necesitado, mandou a cobrar, sen resultado, o importe duns debuxos. Á segunda tentativa díxolle ó cobrador: non te molestes máis, non paga a pena. O debedor non quere ou non pode pagar; en ámbolos dous casos eu non cobro. Pero se cambia de actitude e mañán quéreme pagar, vai fodido, ¡porque non lle cobro! E rachou a factura.
»De pronto alguén faláballe dun amigo na miseria, de alguén que estaba enfermo, e o corazón saíalle polos ollos. A bondade extrema e o altruísmo inxenuo da súa alma eran os maiores defectos do seu carácter nobre e leal. Non sabía cando a dor allea era finxida.
»Nunha das tantas ocasións en que estivo preso polas súas campañas xornalísticas, entrou en relación cun ladrón famoso. Entenreceuse de tal xeito con el que decidiu protexelo pensando en rehabilitalo. Conseguida a liberdade de ambos, o debuxante admitiu ó ladrón a súa casa como servinte e empezou o traballo de rexeneración. Estaba tan seguro da eficacia da súa prédica que chegou a confiarse e tal exceso de confianza aproveitouno o ladrón para roubalo. Ó se descubrir o roubo o ladrón díxolle: Don José, non perda o tempo comigo. A vida que vostede me aconsella non é para min...
»(...) Os seus amigos burlábanse dos “trescentos sesenta e cinco proxectos que enxendraba cada ano”. En varias ocasións estivo a pique de coller as maletas e volver coa súa familia a España, pero outras tantas desistiu por un motivo ou outro. A idea última, o último pensamento, borraba os anteriores e así ata que outro novo o desaloxaba.
»(...) Dun día para outro Xosé María Cao decidiu abandonar unha loita que non era a súa e na que só recibía persecucións e incomprensións. Volveu os ollos á súa terra e entregouse ó labor de organizar e editar un xornal que, co nome de “El Eco de Galicia”, sería o órgano local da comunidade galega. Aspiraba por este medio a promover o espírito de agrupación e solidariedade entre os compatriotas residentes nesta cidade, pero (...) oito meses despois transferiu a propiedade e a dirección do xornal.
»Fixera a promesa de non volver á loita política, pero en 1894 fundou outra revista, “El Cid Campeador”, na que destacou non só pola expresividade dos seus debuxos senón tamén polos seus arrebatos editorialistas cheos de diatribas contra o goberno. Ese ano Cao foi detido outra vez nun episodio confuso e absurdo. Fora acusado por un debuxo que un fiscal estimou inxurioso para o presidente da República. Ese día un descoñecido presentouse na súa oficina pedíndolle a inclusión dunha denuncia no seu periódico. Cao escusouse e deulle unha carta de recomendación para outro colega. O descoñecido despediuse e ó chegar á porta disparou ó teito un tiro de revólver. Produciuse unha conmoción á que acudiron algúns transeúntes e vixiantes e o home da carta dixo que Cao quixérao matar. A pesar das súas protestas o debuxante foi arrestado recuperando a liberdade despois de seis día de cadea...»

Ningún comentario:

Publicar un comentario