luns, 14 de marzo de 2016

Mamurio Viturio e a maxía do nome


Aqueles escudos falsos que acompañaban ó verdadeiro doado por Xúpiter, de que falamos a primeiros de mes, foron forxados por Mamurio Viturio, a quen festexaban arredor do Idus de marzo, e forxounos con tal mestría, que cando lle pediron canto quería cobrar foi incapaz de poñerlle prezo. Daquela, solicitou algo que o fixese inmortal, e pediu que en tal día de mediados do mes, cada ano, se sacasen eses escudos en procesión e que durante a mesma o seu nome fose citado en voz alta. Algo que contribuiría a facer permanente a súa memoria.
O certo é que non estaba pedindo nada novo, pois xa en Exipto, o nome era algo máis ca o identificador da persoa, era tamén a esencia da mesma, aquilo que a individualizaba e polo tanto o que tras o seu pasamento permanecía, e polo tanto a persoa non morría mentres o seu nome fose citado. E se vos decatades, algo moi semellante ó que se fai nas misas de defuntos e cabodano das nosas igrexas, para manter presente a memoria do finado citándoo durante os oficios relixiosos.As misas son todas iguais, todas teñen o mesmo ritual, só cambia o nome daquel por quen se ofrece.

Ningún comentario:

Publicar un comentario