O Curmán de Undochán
España en 1977, Uruguai en 1998...
celebraron
filatélicamente o máis
que
bicentenario dos correos marítimos
|
Un. Os correos marítimos oficiais entre as duas cidades
(1767/1768), que foran moi precedidos polos destinados a Falmouth (1689) e máis
despóis á Habana (1764), correos, hoxe sustituídos (cando non pola internet)
polo correo aéreo, que comezara a cohabitar co marítimo nos últimos 40 (final
da II Guerra) do século pasado. Na Coruña tiñan a sua base no que logo foi
Fábrica de Tabacos... cos seus afamados “fárias”... que eran a versión
macarrónica do apelido portugués Farías do mexicano seu inventor.
A carga humana e sentimental deses correos polo que
atinxe aos emigrantes dedúcese doadamente e ven sendo fonte de estudos
migratorios do maior interese: nós adoitábamos agardar o carteiro naqueles
provincianos anos 50 da nosa infancia con inocultable ansiedade: cartas e fotos
-”que viaxaban o que nós non”-, posteriormente suplantadas por cassettes
e video-cassetes en tempos que o teléfono non era para calquera...
Dous. Deuse no mesmo século XVIII, entre 1778 e 1784, o
importantísimo fenómeno que alguén denominou “Operativo Patagonia”, e que no
seu tempo se chamou “Expedición de las Familias”: doce veleiros
transportando perto de dous mil colonos para aquela afastada rexión da coroa
española cobizada polos ingleses, a figurar nalgúns libros parroquiais
coruñeses como a “Tierra Noba” (sic).
Porque é fácil imaxinar que tales familias
-castellano-leonesas, asturianas e galegas-, previo ao embarque, apousentaron
nesa cidade durante meses, aí morrendo, aí casando, aí parindo... sen sospeitar
que a maior parte non se daría aclimatado a tan inhóspita rexión (a maiores co
rexeitamento dos indíxenas), e acabarían se deslocando a terras ben máis
benignas climatoloxicamente falando como as actuais Arxentina (máis próxima) e
Uruguai.
(Rexión, por certo, que varias décadas despóis da
independencia arxentina, foi tardiamente incorporada a sangue e lume, co
conseguinte exterminio dos naturais -situación aínda persistente cos mapuches
chileno-arxentinos- no que se chamou a “guerra del desierto”, tantas veces
comparada coa conquista do Farwest americano, sen ter esa repercusión
cinematográfica, claro: ver Crónicas 20).
Dun xeito semellante, A Coruña foi durante décadas
(posteriormente sucedida por Vigo) o grande porto de saída daquela marea de
emigrantes dos séculos XIX e XX rumbo por entón ás Américas todas, mais
nomeadamente ao Prata. Os fotógrafos Ferrol e Martí, entre outros, ilustrárono
con dramático xeito.
Frase oposta á tese anterior: Curiosamente, a
Expedición da vacina, que da Coruña saíu, non chegou a Montevideo, aonde si
trouxo a vacina un barco negreiro portugués, nos brazos de tres dos trinta e
oito malpocados escravos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario