mércores, 12 de xuño de 2019

AS IDAS E VOLTAS DA MEMORIA


Por Pepe de Rocaforte
Supoño que o meu caso non é único. Sei que, chegados á miña idade, sucédelle a moitos non acordarse de feitos vividos recentemente, mentres que, pola contra, lembramos con detalle afastados sucesos da xuventude.
Pero aquí tamén compriría facer unha distinción: é moi posible que eses recordos da infancia e adolescencia que atopamos tan frescos e detallados na memoria tal vez sucederon dunha maneira distinta á de como os vemos agora. E no meu caso téñenme ofrecido probas en máis dunha ocasión de que certas cousas que me parecían ser dun xeito, non sucederan enteiramente como eu as vía. Ou quizais non sucederan para nada.
No terreo das lecturas é onde a miña memoria mostra con máis claridade os seus vaivéns. Agora mesmo o motivo que me trae a escribir estas liñas é un libro de Salvador Espriu, “Letizia”, do cal tiña a certeza de non telo lido con anterioridade, ata que xa cerca do remate un dos seus relatos pareceume un pouco familiar.
Como xa estou afeito a que me sucedan estas cousas, fun mirar un rexistro que levo desde hai dezaoito anos, onde vou anotando cada libro que leo, xunto cun breve comentario sobre a impresión que me causou, e alí puiden ver que, efectivamente, xa lera “Letizia” con anterioridade. ¡E non me lembraba deso para nada!

O caso tróuxome á memoria outra lectura da miña época escolar, que me parecía lembrar con certo detalle. Era un texto sobre Petrarca e figuraba en “Lecturas de oro”, de Ezequiel Solana ( por certo: avó dos políticos do Psoe Luís e Javier Solana).
Vin que esta era unha boa ocasión para comprobar se a memoria me era fiel ou me enganaba e busquei o libro, onde atopei o texto sobre Petrarca falando dos seus amigos os libros, “sempre á súa disposición”, pois mandábaos vir e despedíaos sen problema cando así lle apetecía; uns contábanlle historias dos séculos pasados, outros distraíano coa agudeza do seu enxeño, outros máis endurecían a súa alma contra os sufrimentos. E a cambio de tantos favores só pedían un modesto cuarto onde estar ó abrigo do po.
Así máis ou menos recordaba esa lectura dos tempos en que era neno. Neste caso a memoria érame totalmente fiel.


Ningún comentario:

Publicar un comentario