Por Pepe de Rocaforte
Casa de Rosalía |
Orhan Pamuk conta, nun libro do que agora non lembro o título, a súa visita
ó Museo Dostoyevski de San Petersburgo, onde lle fixo gracia ver un sombreiro
cunha nota ó lado que dicía “pertenceu realmente a Dostoyevski”, o cal parece
dar a entender que o resto non é de cando o escritor viviu alí, tratándose só
dunha posta en escena máis ou menos aproximada á realidade e máis ou menos
aceptable.
Claudio Magris refire en “O infinito viaxar” a súa visita ó mesmo Museo
Dostoyevski de Leningrado (O nome da cidade cambia segundo as datas, o que me
fai lembrar as palabras dunha guía que tiven durante a viaxe que fixen alá:
“Agora chámase San Petersburgo, pero eu non vou falar da Orquestra Sinfónica de
San Petersburgo, nin do cerco de San Petersburgo, nin da Sinfonía número 7 de Shostakovich,
San Petersburgo, porque en todos os casos están rexistrados na miña cabeza como
de Leningrado”).
Pero volvamos a Claudio Magris, quen conta “o encanto e a sorpresa” que
sentiu ó entrar no Museo Dostoyevski e ver un bastón, un paraugas e un
sombreiro (¿Realmente o de Dosto?), e no cuarto dos nenos un cabalo de xoguete
deses de bambán, unha boneca, un tinteiro azul, o caderno no que a súa esposa
facía anotacións domésticas, etc. Magris veu aboiar alí o misterio da vida,
“naquel cuarto onde foi escrito Crime e Castigo,” no que había unhas tazas de
café marróns sobre a mesa e unha caixa con té e uns cantos cigarros Laferme esparexidos,
todo “tal real”...
Fundación Cela |
E claro, dirán vostedes, a impresión que causa no visitante é o que
importa. ¿Que máis dá que se trate dunha posta en escena case absolutamente
falsa?
A min non me atraen particularmente as visitas a Casas Museo de escritores.
Xa contei aquí o sentimento de incomodidade que sentín hai uns anos nunha
visita á casa da familia García Lorca en Valderrubio (anteriormente
“Asquerosa”), onde prometín para o futuro evitar na medida do posible este tipo
de visitas turísticas.
Que lembre agora só estiven, á parte desa dos García Lorca, na casa museo
de Rosalía en Padrón e na dos irmáns Mann en Lúbeck. Non visitei, aínda que se
atopa na cidade onde vivo, a casa museo da Pardo Bazán, nin a de Cela en Iria,
nin a de Dostoyevski en Petersburgo, a pesar de pasar polo seu lado, como polo
lado pasei da de Pérez Galdós en Las Palmas. Se caio nalgunha outra, xa o
confesarei.
Ningún comentario:
Publicar un comentario