Hai santos que fan máis ben
na terra ca no ceo, e sen cobrar esmolas, cera ou poxas de romaría,
santos a quen é moito mellor que Deus non os chame á súa gloria e
os deixe aquí, neste val de bágoas, exercendo as súas boas obras,
onde o común dos mortais, crentes e non crentes, preferimos seguir
por moitas marabillas que nos prometan para gozar tras as portas do
Alén.
Un deses santos que mellor
está entre nós que sobre as inestables nubes é o cardeal Konrad
Krajewski, quen se fixo famoso o mes pasado por poñer os seus
coñecementos eléctricos ó servizo dos máis necesitados desa
enerxía que se aplicou para mellorar a condición humana pero que as
grandes empresas do sector, exercendo un monopolio disfrazado de
libre comercio, controlan e impoñen con facturas desproporcionadas e
moitas veces intimidatorias, precisamente cando máis falta nos fai a
estufa, o aire acondicionado ou a luz das lámpadas. Pensar que lle
cortan a luz (a corrente eléctrica) a unha familia que garda na
neveira os iogures da merenda dos nenos ou da cea dos anciáns, é
ver como se condena ós máis desfavorecidos da sociedade en favor
das oligarquías. É arrepiante.
Quen se cruce con este cardeal
pola rúa non verá a un purpurado estirado, senón a unha persoa que
viste coma calquera e vive sen os luxos a que o seu cargo lle dá
dereito. Claro que este home non fixo nada do outro mundo, non
restituíu a corrente cunha simple beizón de auga bendita nin
implorando ás forzas do Todo Poderoso, simplemente empalmou dous
cables para que preto de medio millar de paisanos acurrunchados nun
edificio insalubre puidesen facer algo tan imprescindible como poñer
a lavadora ou enchufar o forno. A este, a quen algúns periódicos
alcuman como o Robin Hood de Roma, non lle
chegaba con saír cada noite nunha furgoneta a levarlle un caldo
quente ós indixentes que se acubillan nos portais para pasar a
noite, imitando a aquel Antonio de Lisboa, predicador en Padua, que
repartía o pan do seu saqueto e nunca se lle esgotaba. Konrad non
fai milagres nin trucos de maxia, só aplica as súas destrezas
técnicas para que o mundo sexa un pouco máis humano e igualitario,
por moito que lle pese ó mesmísimo ministro Salvini, quen lle ten
unha especie de aterrador noxo a todos os desfavorecidos do mundo. Un
enfrontamento máis entre a caridade e a solidariedade coas finanzas
e o mercantilismo, porque mentres a compañía eléctrica reclama os
cartos da factura que os inquilinos non poden pagar e o Estado non
move un dedo para procurar unha solución, o cardeal dá o primeiro
paso para que esas familias pobres teñan unha vida digna, así como
un traballo co que non chegarían a tal extremo de pobreza, pero que
lle negan por ser, moitos deles, uns sen papeis.
Por iso pensamos que algún
día, agardemos que moi lonxe no tempo, cando este cardeal sexa
chamado a sentar á dereita do Deus Pai, a santa Lucía, quen nunca
coñeceu a diferencia entre un fusible e un interruptor, non lle
quedará máis remedio que cederlle o padroado dos electricistas que
ata agora exerce ela; e xa me imaxino a iconografía de san Konrad,
co capelo cardinalicio a un lado e erguendo nunha man unha lámpada
de incandescencia, como outros portan unha candea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario