luns, 3 de xuño de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (21)



                                                                                    O Curmán de Undochán

    
        Co pasamento de Daniel Vidart, aos case 99 lúcidos anos, vaise un dos valedores uruguaios da nosa Galicia. Este antropólogo, membro correspondente da Real Academia Galega, publicara (1961) un interesante estudo co título “Regionalismo y universalismo de la cultura gallega”: a través dos seus sete capítulos trata de: “El paisaje gallego y su habitante”, “Raíces prehistóricas del pueblo gallego”, “El camino de Santiago y el espíritu de Occidente”, “Galicia, encrucijada de dos mundos”, “Constantes literarias del lirismo gallego”, “Diálogo entre la ironía y la saudade” e “Los gallegos en el Uruguay”. (De onde lle viría a este intelectual cos seus dous primeiros apelidos franco-euskeras a dedicación a Galicia? Porventura da nai de seus fillos, de apelido Novo?).
            Tense tornado clásica a frase deste ensaio: “Los gallegos no sólo han traído consigo sus romerías y sus gaitas. Han llegado con su inquietud cultural superior, su vocación humanística. Esta lejana orilla atlántica está bañada por el mismo Océano que penetra en las rías gallegas y golpea sus espigones graníticos...” “Bolboreta de aliñas douradas...” recitárame, lembrando a Curros, a vez que máis falei con el, haberá dez anos... 
            O título do seu último capítulo tal vez inspirase outro importante estudo dun uruguaio sobre a nosa realidade emigrante: “Los gallegos en el Uruguay” (1966), da autoría da daquela mozote Carlos Zubillaga Barrera, afortunadamente aínda entre nós, tamén correspondente da Galega e el si neto materno de galegos de Cubelas-Ribadeo, quen ben se pode calificar como o nacional deste país que máis traballou e sabe de Galicia. Outro ensaio seu, “Los cruceiros del Montevideo antiguo” (1967) desvenda a orixe ata entón mal transmitida de duas cruces galegas traídas desde as terras de Amarante-Maside a estas lonxíncuas ribeiras por conta dos irmáns Fernández Bermello, que hoxe contan entre as pedras máis antigas da capital platense, datados entre fins do XVIII e comezos do XIX.

            Outros seus traballos posteriores: “El problema nacional de Galicia” (1974), “A prensa galega en Uruguai” (Compostela, 1996) ou “Castelao y Uruguay” (2004) revesten o maior interese.
Mais o que compre agora salientar é a sua iniciativa do Centro de Estudios Gallegos (inserido na Universidad de la República) no marco do cal se viñeron celebrando ata dez Coloquios de Cultura Gallega logo volcados en senllos Anuarios (1997-2010), con participación maioritaria de uruguaios.
            Acarón destes dous tratadistas é de citar unha serie de publicacións uruguaias que, ao longo dos cen anos que van de 1918 a 2018, trataron sobre Galicia ou algún dos seus fillos de destaque, desde o pouco coñecido título “La familia Gutiérrez” ou o ben presente “Doñarramona” (ambos daquel 1918), de Mateo Magariños Borja e José Pedro Bellán, respectivamente... ata a recente monografía “Piñeyrúa. La génesis del apellido”, de Juan J. Piñeyrúa.

          Capa: Luís Seoane, Muller sentada (1953
     Entre tales publicacións, fora as xa citadas, poderíamos destacar: “Con pecado concebida” (1955), “Tierra sin mapa” (1961, con varias reedicións), “Rosendo y sus manos” (1976), “El hórreo gallego” (Fund. Barrié, 1979), “El gallego-portugués” (1979), “Ángeles apasionados” (1996), “Queridos gallegos” (1999), “Galleguito” (2005), “Galicia en Uruguay” (2009), “Á beira do lar” (2013, caso excepcional, redixido en galego por un fillo de pais de Trazo), ou “Don Candinho” (2014)... Aforrámoslle ao posíbel leitor a enumeración dos autores, que poderá atopar en calquer lugar da rede.

            ...Sen esquecermos monografías puntuais sobre personaxes galegas de Sábat Pebet (“El Viejo Pancho”: ver Crónicas 17), Juana de Ibarbourou (Afonso X), L. Gil Salguero (Francisco Sánchez), Arturo Ardao (Padre Feijoo), Apolant (José Cornide), Bayardo (C. Arenal), C. Samuelle (Manuel Meilán, Eds. Xerais), J.L. O. Taranco (Los Ortiz de Taranco), J.A. Varese (J.M. Silva, fotógrafo), Carmen Posadas (Bella Otero, ed. española), Agó Páez (Camiño de Santiago), H. Rosales (poemario dedicado a Castelao) ou L.M. Astigarraga (sobre o histórico cura Amenedo), etc., etc.
            Non nos resistimos a citar o caso de M. Benedetti, que utiliza senllos apelidos nosos en duas das suas maiores novelas: Budiño (“Gracias por el fuego”) e Santomé (“La tregua”).

Frase extemporánea: Uruguai, terceiro país no mundo en ofrecer tecnoloxía en telefonía móbil 5G (Xa me explicaredes o que isto é!).

Ningún comentario:

Publicar un comentario