luns, 24 de xuño de 2019

Crónicas desde o outro mundo (24)

                                                                                                 O Curmán de Undochán



          

            Esta cidade de millón e medio de habitantes, ou cinco Coruñas, é das capitais máis pequenas de Sud América (só menores Asunción del Paraguay e esas tres urbes ben cativas das Guianas -cales son Georgetown e Paramaribo e máis Cayenne, esta apenas capital dunha colonia francesa- que, pola sua tardía incorporación ao conxunto de países independentes, adoitan non ser tidas en conta no concerto das capitais nacionais). Será por iso e tamén polo tradicional carácter crioulo, que Montevideo ten uns aires decididamente provincianos, o que a un a fai comparar, só un pouco, coa vosa veciña Lisboa, ela mesma tan tocada, alén do africano, por ese certo cariz americano.
            Só un pouco, digo, porque, ben o sabemos, non hai duas persoas iguais, nin duas cidades semellantes, mesmo cando cidades novas e estandarizadas por obra da arquitectura global. A arquitectura! Vedeaí algo que fai Montevideo unha capital ecléctica con algunha maior inclinación ou preferencia pola art déco, da que é xenerosa exponente, disque superando á Buenos Aires irmá.
Tres exemplos dos milleiros 
da art déco: 
o primeiro acaba de ser derrubado...
             Despóis dos edificios decimonónicos postcoloniais, pranta única con patio interior e azotea, moi ao estilo meridional hispano e canario, viñeron as pretenciosas mansións do vinte, da época florecente da nova burguesía que, ao exemplo da porteña da outra banda do Prata, medrou coa explotación gandeira: aí, tamén axudado pola inmigración italiana e francesa, e con ela  os vellos oficios europeos, xurdiron edificios eclécticos de arquitectura-mix, con grande influencia da Europa e, máis adiante, da América septentrional... e, case simultaneamente, inmóbeis menos espectaculares co dito delicado feitío art déco do que vai a mostra en riba.
            Xa na segunda metade do XX, esa arquitectura tomou o camiño do racionalismo, ostentando algúns exemplares realmente relevantes, a partir do labor dos arquitectos maiormente nacionais. Mais voltemos ao provincianismo que define en grande medida a alma desta cidade.     
Palacio Estévez
(que foi Casa de Goberno),
            Fora as horas trepidantes do comercio en torno á City (Ciudad Vieja) e a media ducia de ruas céntricas, un quietismo e valeiramento apodéranse do centro, con contada vida nocturna: só a raíz da forte lexislación antitabaco foi que agromaron, aquí e alá, terrazas gastronómicas ou restauradoras.

            Parello a isto, o barrio ten aínda hoxe plena vixencia como lugar tradicional de convivencia, onde os habitantes de casas a rentes do chan, algunhas con bancos fixos para a hora da fresca, coñécense habitualmente como se de calquera cidade de provincias se tratase.
Palacio  Salvo (desa familia italiana,
 edificio emblemático
de Montevideo,
outro exemplo de art déco)
            Ruas pouco entregues á circulación motorizada, permiten que as xentes mesmo se desplacen morosamente pola calzada, mate e termo en man. Os pregóns que van sobrevivindo: o asubiote do afiador en bicicleta, o camión repartidor de supergás (butano) coas suas notas do paraelisa betoveniano, o xeladeiro co seu carriño, o vendedor ambulante de xornais (cada volta menos frecuente), a camioneta co altofalante acoplado a anunciar a carnicería da zona ou a parrillada que se estrea...
Palacio Díaz: tres épocas sucesivas nestres
 tres últimos
 (este e o pazo Estévez de xentes galegas ou fillas)  



            E agora que ven o inverno, os rapaces (varóns) sustituíndo as bermudas de en baixo polas capuchas de en riba (capuchinos que lles chamo eu)... sin por iso deixar de se deslizaren nas táboas ou, ao ritmo do mundo mundial, nos novidosos monopatins eléctricos...
            Nin mellor nin pior, o provincianismo non colide coa independencia do poboador da grande urbe, hoxe en día que ninguén xa está pendente do que fai ninguén, absorto como adoita acharse nos seus problemas personais cotidianos.

Frase extemporánea: Se A Coruña foi “Cabeza, guarda y llave, fuerza y antemural del Reino de Galicia”, Montevideo, nalgún breve momento, coñeceuse como “Antemural de las Provincias del Perú”.
                                               


Ningún comentario:

Publicar un comentario