Por Pepe de Rocaforte
Escribir hai uns días sobre Budapest
fíxome lembrar dun par de informacións contraditorias que me deron dúas guías
turísticas, unha no Hermitage de San Petersburgo e outra no Museo de Belas
Artes de Budapest. O caso non reviste maior importancia, pero ó me vir agora á
memoria decidín aproveitar esta colaboración para contalo e ver, se se dá o
caso, se alguén me pode informar de que parte pode estar a verdade desta
disputa intranscendente.
A historia comezou en Budapest; pero
desde o meu punto de vista debo empezar a contala por San Petersburgo. Alí a
guía, unha robusta moza de aspecto moi ruso, simpática e con bo humor,
contounos a un grupo de turistas que a seguiamos na visita ó Hermitage, que
naquel museo tiñan a colección de pintura española máis importante do mundo
despois da do Museo do Prado.
Daquela acordoume que, un par de
anos antes, outro guía dixéranos en Budapest que o Museo de Belas Artes da
capital húngara posuía a colección de pintura española máis importante do mundo
despois da do Museo do Prado.
É dicir: ambos guías utilizaban as
mesmas palabras, pero cada un deles referíaas ó museo da súa cidade.
Comenteillo á guía petersburguesa e ela contestoume, cun amplo sorriso, que
cando volvese por Budapest lle dixese ó guía de alí que a súa información era
equivocada.
Daquela non tiña eu intención de
volver a Budapest, pero quen che di a ti que anos despois, en 2015, regresei á capital
húngara. Non tiven entón o mesmo guía da ocasión anterior, desta volta
tratábase dunha señora cun marcadísimo acento riopratense (que por certo era
húngara, pero criada en Montevideo, onde viviu ata a idade adulta segundo me
contou).
Cando lle referín o que me dixeran
en San Petersburgo quedou pensativa por un tempiño. A información que eu teño,
díxome, é a que vos acabo de contar; pero para resolver dúbidas vou consultar o
caso a un señor que é unha das maiores autoridades na materia. E a seguido botou
man do móbil, fixo unha chamada, e alá pasou un certo tempo conversando (en
húngaro, naturalmente) con non sei quen. Cando rematou a consulta díxome: No
Hermitage teñen a máis grande colección de pintura española fóra de España,
pero os cadros de pintores españois que temos en Budapest son moito máis
importantes que os de San Petersburgo.
E así quedou a cousa.
Posteriormente, xa na casa,
consultei o tema en internet, pero no referente a número de cadros nun e noutro
museo non encontrei nada que me quitase de dúbidas. E en canto a obras de
pintores importantes, tanto nas informacións sobre un museo coma sobre o outro,
aparecían os nomes, entre outros, de Velázquez, Goya, Zurbarán, Ribera, o Greco
e Vicente Carducho, (de quen tivemos tres cadros de grandes dimensións no Museo
de Belas Artes da Coruña, e digo “tivemos” porque paréceme que agora non están
aquí).
Por certo, xa sei que o Greco e
Carducho eran grego e italiano respectivamente, pero a relación cítaos coma
españois, o mesmo que no Hermitage teñen a Picasso entre os “Mestres franceses
do século XX.
Ningún comentario:
Publicar un comentario