Hai
uns anos, cando lle comentei a mi tía María que ía ir a Istambul, preguntoume
que se me perdera alí. Nada, respondín, vou para coñecer a cidade. “Pois para
ver unha cidade xa tes a televisión”. Quedei sen dicirlle que non é o mesmo,
que a unha pantalla fáltalle alma, non se pode escoitar á xente, preguntarlle a
onde vai ese bus, sentir o olor das rúas e levar algunha que outra sorpresa.
Viaxar non só é ver, senón tamén, e sobre todo, sentir.
Por
iso, por sentir, de ter á miña disposición unha máquina do tempo veríame nun
verdadeiro apuro á hora de escoller a onde viaxar. Para empezar non sabería se
trasladarme ó pasado, a comprobar in situ
todo iso que estudiamos nos libros, ou se ir ó futuro para ver ata onde
acertan os visionarios. Tamén estou seguro que de escoller esta última opción
acabaría por sentirme desilusionado e querería ir cada vez máis adiante, unha e
outra vez ata quedar sen gasolina para a volta, tratando de encontrar ese mundo
idóneo con que sempre soñamos pero nunca acadamos. A outra dúbida que me entra
é se, vaia a onde vaia, de encontrarme a gusto, quererei volver ó presente?, ou
pola contra querería ir cada vez máis atrás, cheo de curiosidade por coñecer as
raíces dos acontecementos?
A
máquina do tempo, de existir, sería unha máquina endiañada.
Soños
á parte, nin H. G. Wells, con toda a fantasía que o inundaba, e torturaba, creu
por un instante que o seu corpo puidera desprazarse a través do tempo. Podía
supoñer, coa súa visión de finais do século XIX, que os marcianos virían a
invadirnos algún día, pero o seu deseño dunha máquina para viaxar a outra época
era pura fantasía de enxeñaría ilóxica, e el sabíao.
Crer
que coa tecnoloxía do futuro chegaremos alcanzar o obxectivo de situarnos
fronte á fachada da catedral de Santiago mentres o Mestre Mateo traballaba é
impensable, por moitos cálculos relativistas que se fagan. Supoñer que podemos
despedir a un tataraneto que emigra a algún planeta dunha estrela que está a
dous mil anos luz de distancia, é unha fantasía que nin se lle ocorre ós
guionistas da Guerra das Galaxias. Pero a imaxinación é libre.
O
que si hai son aplicacións que nos recrean o lugar que visitamos tal e como era
mil ou dous mil anos atrás, con bastante fiabilidade, e cada día con maior
perfección, pero non nos vai permitir falar cun taberneiro de Pompeia no seu
latín adulterado con verbas gregas por moito que nos poñamos, non nos permitirá
mollar sopas no garum dos romanos,
tumbados sobre un triclinium, tal e
como tiñan por costume, nin navegar coas condicións dos fenicios a través do
Mediterráneo.
Aí
están, pretendendo axudarnos nesa viaxe que nunca faremos, empresas como a vasca
de novas tecnoloxías Arkikus, que pon ó servizo de calquera teléfono móbil
aplicacións que nos permiten pasear por unha cidade ou por un monumento como se
o fixésemos hai cen ou douscentos anos. Pero tampouco é o mesmo. É igual ca se proxectásemos
fotos antigas con personaxes estáticos sobre a parede do salón.
Aí
están, pretendendo axudarnos nesa viaxe que nunca faremos, empresas como a vasca
de novas tecnoloxías Arkikus, que pon ó servizo de calquera teléfono móbil
aplicacións que nos permiten pasear por unha cidade ou por un monumento como se
o fixésemos hai cen ou douscentos anos. Pero tampouco é o mesmo. É igual ca se proxectásemos
fotos antigas con personaxes estáticos sobre a parede do salón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario