No
mundo da ciencia, ninguén confunde o elemento real coa súa representación,
distínguese moi ben entre o símbolo e o simbolizado, aínda que ás veces, tamén
hai reputados científicos sacando hipóteses, teoremas e ata leis divertidas e
sen fundamento, coa única idea de pasar
un momento distendido (algún día contareivos de que vai a Quinta Lei da Termodinámica).
A nivel moi pseudocientífico hai en distintas páxinas, virtuais e de papel
impreso asinadas por reputados físicos, coa explicación e o cálculo para
demostrar que a temperatura do ceo (non confundir co firmamento) alcanza os 525ºC
e a do inferno a moito máis prosaica de tan só 444,6ºC, que vén sendo a de
ebulición do xofre; co que, de ser certo queda demostrado que o ceo é máis
tórrido ca o inferno. Claro que, para darlle valor a estes datos, antes debemos
estar seguros de que existen o inferno e o ceo.
Na
literatura as leis, teoremas e hipótese da ciencia xa cobran outra dimensión e
provocan certos remorsos por moita que sexa a seriedade con que son
presentadas, máis aínda cando o escritor é un surrealista como Alfred Jarry, quen
nos presenta nunha novela de 1911, definida como “neocientífica” (case nada), ó
seu doutor Faustroll, licenciado en “Patafísica”, a ciencia que, en palabras do
autor, está dedicada, entre outras cousas, ó estudio das leis que regulan as
excepcións. Aí queda iso.
Unha
ciencia así, tamén definida polo mesmo Jarry como a das solucións imaxinarias, non
tardou en ter adeptos e fundar o seu propio colexio profesional, no que
figuraron persoeiros tan reais como Ionesco, Genet, Miró ou Fernando Arrabal.
Nesa
novela de Jarry, o seu protagonista, chega a calcular a superficie de Deus (nin
a altura nin o peso, a superficie), a partir do símbolo que o representa: o
triángulo. E como ese cálculo, igual que o do inferno ha de ter como premisa
previa a seguridade da súa existencia, entendemos que Faustroll era crente. Sen
embargo, como podedes imaxinar, o tal cálculo é puramente teórico, como teórica
é a forma que adquire Deus diante dos ollos humanos pois aínda sabendo que das
tres persoas que o forman, o Espírito Santo é unha pomba e o Fillo o único que
vestiu e calzou coma calquera de nós, do Pai só sabemos como é pola libre
imaxinación dos pintores e escultores que lle dedicaron tempo, unhas veces
gordo e outras máis delgado segundo fose Rubéns ou o Greco o retratista; e por
iso, baseándose na forma da súa icona máis común, o triángulo equilátero, no
que as tres persoas forman un único elemento, e aplicando as fórmulas da
trigonometría, a Patafísica do doutor Faustroll chega á conclusión de que Deus
é un punto definido como a tanxente de
cero e de infinito.
Confésovos
que as miñas matemáticas non dan para tanto e non me saen os números, pero supoñemos
que o doutor Faustroll tras tan exhaustivos cálculos volveríase ateo.
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).
Ningún comentario:
Publicar un comentario