Hai
uns días volvín a ver Psicoses en pantalla grande e volvín a sentir medo, a
levantarme no asento en plan cabaleiro andante tratando de protexer á doncela
cando a sombra do psicópata aparece ó outro lado da cortina do baño. Non sei
que me metía máis medo, se a sombra en si ou a música que acompañaba a escena
acelerándome o corazón. Sentíao eu e sentíao a rapaza chinesa que sentaba ó meu
lado.
Sen
lugar a dúbida a música é unha linguaxe universal, non che di palabras pero
sácachas, non che pregunta pero obrígache a responder, non che corrixe pero faiche
reflexionar. Así se di e así o comprobamos por propia experiencia. Certamente,
ás veces apóiase en palabras máis doadas de entender, pero é que ata a
entoación con que se din esas palabras troca o seu significado.
Falábamos
estes días de se a música, que todos queremos diferenciar como nosa ou dos
outros, é tan universal como se di. E certamente, desde a máis popular á menos
comunmente coñecida, todos os estilos teñen ese algo que os fai entendibles
aínda para quen non sabemos distinguir un Do dun Re. A propia música étnica, que
define a maneira propia de entoar, cantar e bailar de cada lugar, non se
diferencia tanto entre, por exemplo, a dos nativos de Nova Guinea da que
tocamos nós. Eles golpean un tambor e
nós sopramos na gaita, pero só é cuestión de sentir os seus acordes para que o
galego mova o corpo cos seus ritmos, ou eles cos nosos, para saber cando uns e
outros transmiten tristeza ou alegría, porque á fin, tanto no extremo oriente
como no extremo occidente, cando se quere bailar a música segue unhas normas de
tempo e ritmo semellantes. E o mesmo
pasa coa música fúnebre, coas cancións de berce ou coas de rituais máxicos ou
relixiosos. Asemade, cando saes a correr, tanto aquí coma no Xapón, tes que
escoller moi ben que pos no MP3, porque un rock farache patear coma un tolo e
un bolero romántico volver á casa sen soltar nin gota de suor. Así, segundo
Xulio, ese tamén é un punto a ter en conta cando seleccionas a música que
escoitas mentres conduces, pois mentres unha che fai máis agresivo ó volante, a
outra pode converterte nunha tartaruga.
Xa
a principios do século pasado, na universidade de Berlín, Carl Stumpf, a quen
se considera un dos pioneiros en etnomusicoloxía e musicoloxía comparada, esforzouse
por encontrar as similitudes musicais en distintos puntos do planeta, e
expostas en obras como “A orixe da música”, pero cando comezaba a ver e
demostrar que as diferencias principais só eran unha cuestión de matices, o nazismo,
sempre tan preocupado por marcar as diferencias, impediulle seguir coas súas
investigacións. E esas son as que encetaron de novo desde a universidade de
Viena, onde tratan de encontrar esas claves que nos fan sentir dunha ou doutra
maneira segundo o ritmo daquilo que escoitamos, aquí ou nas antípodas, e chegan
á conclusión de que o sentimento que transmite a música está baseado nuns
piares básicos sobre os que se soportan unhas determinadas predisposición
codificadas que logo, en cada lugar, son edulcoradas coas formas específicas do
mesmo, demostrando que a transmisión das emocións non é tan diferente entre uns
e outros.
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)
Ningún comentario:
Publicar un comentario