xoves, 19 de decembro de 2019

A CASA DE TARTARÍN (E OUTRAS CASAS)

Por Pepe de Rocaforte

   
         Estáballe botando unha ollada estes días a un par de libros, “Semblanzas” e “Parisiana”, nos que se recollen traballos xornalísticos de Ruben Darío, non con idea de lle plaxiar algún deles, non sexan mal pensados, senón por simple curiosidade. Pero de súbito dei con un, “La gloria de Tartarín”, que fixo despertar en min unha reste de lembranzas aproveitables para a colaboración desta semana.
            Conta Ruben Darío (e non sei se será certo ou non) que as aventuras de Tartarín de Tarascón postas en libro por Alphonse Daudet “excitaron”, no seu día, os nervios dos tarasconeses, molestos pola fama que lles botaba o novelista. Seica dicían: “Tartarín nunca existiu. Daudet búrlase de nós. Que non veña por aquí porque lle vai saír caro o invento”.
            Pasou o tempo e o cabreo seica amainou. Chegaban turistas preguntando por canto tiña relación coas aventuras de Tartarín, onde estaba a súa casa, que era dos restantes personaxes que aparecían no libro, e se ó principio a xente os mirou dun xeito atravesado, logo decatáronse de que os turistas deixaban diñeiro e o asunto compría miralo doutro xeito.
            Todo esto fíxome lembrar do meu paso por Xénova e da casa “natal” de Cristóbal Colón. “Hai que ver canto morro lle botan estes italianos”, pensei daquela tamén cun inicio de cabreo humorístico, un pouco diferente do dos tarasconeses.

            Logo aquel cabreo humorístico pasaría a riso aberto cando en Verona visitei a “casa de Xulieta” e saín ó balcón onde en tempos recuados, segundo a obra teatral de don Shakespeare, a moza mantiña amorosas pláticas nocturnas co seu namorado Romeo. Non estaba mal o invento, tal vez mellor que o da casa de Dulcinea no Toboso, á que ademais non axuda moito a poboación que a rodea, polo menos se a visita, como fixen eu, nun día de verao cun sol baixo o cal “ardían as meigas”, como dicía a miña avoa que en paz descanse.
     
       Outro destes sitios onde se aproveita o atractivo turístico dun determinado personaxe para se atribuír o seu lugar de nacemento é a illa de Kórcula (pronúnciese Kórchula). Alí acompañounos unha guía de aspecto rústico, que axiña conquistou ós viaxeiros que a seguiamos por obra do seu bo humor e polo discurso feminista que, coma quen non quere a cousa, nos foi endosando dun xeito nada convencional, sen abusar, ó longo do percorrido. (Por certo: algunhas señoras do noso grupo mostráronse máis ben disconformes coas ideas expresadas pola muller).
            Despois de visitar a catedral e outros monumentos da poboación, a guía levounos ata unha torre, diante da cal nos dixo: «Hai quen conta que aquí naceu Marco Polo, pero a min, e a moitos outros, as probas que se aducen non nos deixan nada convencidos. De calquera xeito aquí a teñen. O dato contrastado que se nos ofrece é que no século XIII este edificio era coñecido como “A casa da familia Polo”. E, fiable, nada máis.»
            Toda unha profesional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario