O Curmán
de Undochán
Coido que
xa nos referimos á sorte dos papeis e fotos a viaxaren durante séculos por riba
do mar, obxectos inanimados a acadaren o que non podían os humanos que os
remitían. Eu podo testemuñar dun curioso ou insólito cruzamento de
correspondencia entre duas irmás, logo sucedidas polas fillas-curmás… durante
meio século, así como volo conto, desde 1898 ata 1950, entre o Uruguai e a
Galiza… e sen máis nunca se veren aquelas e estas.
E as fotos, nun tempo en que,
segundo xa temos comentado, apenas se daba o servizo telefónico, e menos había
outros meios como os audiovisuáis, eran verdadeiras
xoias que mantiñan
como nada a dificultosa vinculación entre as duas beiras do océano. O máis parecido
ás cartas, os telegramas, case eran monopolio da prensa escrita e as suas
axencias. A radio, coa sua onda curta,
proporcionaba a oportunidade de escoitar pasivamente voces da terra lonxincua,
mais non daban conectado ás persoas.
Vaiamos
agora a esoutros elementos materiáis de pequena entidade coa sua inagotábel
variedade, desde certos artículos de ornato, como os azulexos, ata as porcelás
máis refinadas, canto os cristáis, todos vindos da Europa; mesmo os móbeis
(malia estaren feitos con nobres madeiras brasileiras) e os mármores ou
alabastros ou marfíns ou óleos exquisitos: todo un despregue de luxos burgueses
longamente importados (por non falarmos das roupaxes e teas, en xeral, tapices
e cortinas, do que nada entendemos).
Foi máis
adiante cando algúns deses obxectos comezaron a se fabricar nestes países,
concretamente os móbeis, tan a miúdo por man de artesáns de procedencia
europea, en tempos en que os mesmos escultores aínda enviaban os seus xesos
para tornalos bronces nas fundicións dese vello mundo. Tamén por entón se
iniciaron aquí os traballadores en coiros locais e labradores autóctonos dos
metáis: temos así álbuns de fotos, mesmo libros forrados en pel ou en nacre..
(Eu ben sei dalgún misal ou biblia
francesa que cruzou o mar de vinda e de volta).
Esta obra,
clásico levado reiteradamente ao teatro,
fala dunha gobernanta compostelá nun
lar burgués
montevideano: non se trataba, pois,
dunha humilde servidora
doméstica.
|
Con todo,
non se interrompíu a importación do europeo, máis elaborado, asemade máis caro,
a dar basamento á vaidade do que pensa que máis val canto máis ten ou pode
mostrar. Agora cavilamos en canta desa batería de luxos foi dar ás almonedas ou
casas de remate… algo que só con visitar
algunha delas atristura (“la vidriera irrespetuosa de los cambalaches”), do
mesmo xeito que ao vermos aquelas mansións en ruína, compensados, por veces,
coa sua reconstrución, que tanto pracer produz.
Un dá en
cismar como todo ese enorme volume de obxectos suntuarios de procedencia
europea non era disfrutado polos inmigrantes pobres da mesma orixe xeográfica,
senon polos ricos do país, iso si, na sua maioría fillos doutros emigrantes da
xeración anterior: aos inmigrantes traballadores, se cadra empregados destes
novos ricos, maiormente aquelas mulleres que desempeñaban o servizo doméstico,
non lles restaba máis que admirar tanta beleza sen posuila: tal o cativo
esfameado a chantar o fuciño no escaparate da pastelería ou da charcutería do
barrio… que ben podería dicir, por se consolar, como a raposa coas uvas:
Estánche verdes!
Algúns apelidos
galegos nos personaxes da literatura uruguaia: Budiño, Santomé (in Benedetti),
Seoane (in Onetti)…
Ningún comentario:
Publicar un comentario