luns, 2 de decembro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (47)



O Curmán de Undochán

Susana Soca Blanco-Acevedo
Ocorréuseme facer unha ensalada de intelectuais uruguaianos con algún ancestro galego (delatado nun dos seus apelidos)… -fora Juana de Ibarbourou e posteriores a ela.  Mais non só os une esta ancestralía, tamén relaciónanse por esa característica cultural, máis ou menos relevante, sendo coetáneos entre si, destacando, por certo, catro mulleres.
Unha foi Susana Soca (1907-1959) quen, tal esoutras duas, pertencía á burguesía ilustrada, filla do eminente médico Francisco Soca (1856-1922) e neta materna do destacado político Juan Carlos Blanco (1847-1910) –este, fillo dun coruñés xa lembrado nestas crónicas, Pablo Blanco.
Esta muller -á que Onetti lle dedicou póstumamente (1964) a sua novela Juntacadáveres, “por ser la más desnuda forma de la piedad que he conocido, por su talento” e da que xa citamos o poema que lle compuxo Borges (Crónica 41)-, rica herdeira aos 15 anos, empregouse en mover o ambiente literario desde París (revista La Licorne) ata Montevideo (Entregas de La Licorne), cidade esta onde tiña no seu lar unha interesante tertulia e exercía mecenazgo cultural… o que non lle impediu, radicada na capital francesa en 1938, participar na Resistencia dentro do seu círculo artístico e literario. Morta en accidente aéreo sobre o Brasil, cando retornaba de Europa, aínda despóis se publicou a sua obra, poesía e prosa, parte dela o título Noche cerrada.
            Este accidente relaciona obrigadamente a Susana con outros dous compatriotas: alguén non literato cal foi o médico de sona Raúl Piaggio Blanco (1905-1952), tamén morto noutro evento aéreo sobre o Brasil –quen era fillo da galega Generosa Blanco-, e máis o literato Ángel Rama Facal (1926-1983), do que igualmente temos falado (Crónica 36), primeiro esposo da galardoada poeta Ida Vitale e pai dos seus dous fillos; logo unido á crítica literaria arxentina Marta Traba Taín (de pais galegos e morta con el na traxedia de Mejorada del Campo-Madrid, e con outros escritores latinoamericanos, por exemplo, Manuel Scorza, no voo Francoforte-Bogotá).
Nesta obra –a capa é da 4ª ed. 2015-

o autor recrea a Galiza que sua nai lle evocaba
            É doutras tres féminas das que quero falar finalmente, duas delas apenas coñecidas do grande público. Unha destas é Ema Risso Platero (1915-1981), diplomática e escritora que non pasou ao parnaso (tataraneta do ferrolán José María Platero), morta en París, tamén relacionada con Borges, que lle dedicou o conto La escritura del dios (El Aleph) e chegou a lle prologar os seus contos de Arquitecturas del insomnio (1948)… por certo, editados e ilustrados por Luis Seoane. A outra é Beatriz García Lagos (1918-2016), filósofa e teóloga, a fundar, co seu home Julio Bayce, a revista Escritura (1947). (Sendo tataraneta doutros dous galegos, Ildefonso García, de Árbol-Vilalba, e José Antonio Lagos, de Saxamonde-Redondela).
         
Onetti e Vilariño (cortina metálica dun comercio do centro montevideano en domingo
  
Restaría comentarmos que Ángel era irmán doutro intelectual ben coñecido, Carlos Rama (1921-1983, como vedes, morto o mesmo ano que aquel e na Barcelona do seu exilio), importante ensaísta político, ambos de pais de Cores-Ponteceso e Traba-Coristanco.
            E esta xeografía bergantiñá lévanos á grande Idea Vilariño (1920-2000), poeta, ensaísta, crítica literaria, figura emblemática da xeración do 45. Irmá de Alma, Azul, Poema e Numen, fillos do anarquista e poeta Leandro Vilariño Labandeira, el mesmo de pais de Ponteceso de Cabana-Cesullas-Cabana de Bergantiños. (Idea chegou a manter unha breve e íntima relación co tan citado Onetti).

Di Idea nas suas memorias: [Por mi abuela aprendí] a escandir los versos de gaita gallega [cuando me cantaba]: “-Toca a frauta, Domingo gaiteiro [Ferreiro]/ Toca a frauta. –Non quero, non quero./ Non é que non queiras, é que non sabes/ O que che falta é habilidade”…


Ningún comentario:

Publicar un comentario