domingo, 6 de setembro de 2020

Crónicas desde o outro mundo (87)

 

                                  Cantigas de onte e de antonte

            O Curmán de Undochán                                                                

    


            Que a pegada do pobo galego no Uruguai foi decisiva e aínda o é, cincuenta anos longos despóis do cese da inmigración nosa a esta república, é algo que cremos ven ficando claro no decurso destas crónicas, cuxa razón de ser ela é.  (Alguén chegou a definir Uruguai: a Galiza americana).

               Durante máis de douscentos anos (mediados do XVIII a mediados do XX e máis) estiveron arribando os nosos a estas costas. Por suposto que o proceso flutuou, tendo os seus picos, algún, por exemplo, nos anos chamados da fame en Galicia –xusto ao promediar o citado perído bicentenario.

            Outra emigración masiva, esta dixitada, ten lugar coa serie de expedicións das familias (Crón. 22), con destino á Patagonia, e que resultou, en grande medida, redirecionada á ben máis amábel Banda Oriental del Uruguai, resolvéndose na fundación de varias cidades. Cen anos máis tarde aparecen moreas de intelectuáis e profesionáis exiliados da I República española (Crón. 6).

             Do groso da emigración, a das camadas populares, mesmo dan fe cantigas recollidas (J. Osinde) en Carballo de Bergantiños, como xa temos dito, unha das bisbarras de maior deslocamente para o Río da Prata. Velai vai un par delas, creadas por galegos (activas):

Hei d’ir a Montevideo/ a Montevideo hei d’ir/ hei d’ir a Montevideo/ que alí dan pan por durmir.

Hei d’ir a Montevideo/ anque sexa por un ano/ pois se non traio diñeiro…/ sempre son americano.

            (Como vemos, unha cuadra rotineiramente idealista fronte a outra agudamente realista).

Francisco Acuña de Figueroa

            Mais en tempos recuados, na década de 1810, cando xa en Buenos Aires se constituíra a Junta de Mayo, Montevideo, que seguía a ser o derradeiro reduto español, tiña en Gaspar de Vigodet (Sarrià, 1764-1836) o último gobernador desta Banda (1810-1814). Por aquelas calendas circulaban os cielitos, danza propia do país, con letras patrióticas ou levantiscas, moitas debidas ao enxeño de Bartolomé Hidalgo (1788-1822), cantados polos sitiadores para os sitiados, dos que extractamos un exemplo que xa ten estudado o amigo Manolo Suárez… estas creadas para galegos… non galegos (pasivas):

 

Los chanchos que Vigodet/ ha encerrado en su chiquero/ marchan al son de una gaita/ echando al hombro un fungeiro (sic, con gheada).

Cielito de los gallegos/ ay cielito del dios Baco/ que salgan al campo limpio/ y verán lo que es tabaco. (Crón. 55).

             Outros cielitos aínda se referían a aqueles seudo-galegos, este crudamente impiedoso:

 Vigodet con sus gallegos/ morirán de consunción/ y este responso les cantan/ los libres de la nación.

Juan Antonio Lavalleja


            E é que galego, xa daquela, designaba ao español, e concretamente, ao español realista (Crón. 75), tamén chamado godo.

            A propósito de seudo-galegos, o propio galego-fillo de salcedán Francisco Acuña de Figueroa (1791-1862, Crón. 62), en falando do filocántabro Gral. Lavalleja (1784-1853, Crón. 83), a berrar:

¡Cobardes gallegos! Con ciega osadía/ gritaba… y gallegos no había en la facción…

 deixa claro, bo coñecedor do que está a falar, o erro popularmente extendido ata hoxe.

 

 

 

Dato extemporáneo.- Hai, cando menos, catro núcleos no Uruguai con nomes a partir de outros tantos  galegos. Molles de Porrúa (polo facendeiro corcubionés Juan Antonio Porrúa, 1786-1879), Migues (polo ferrolán da Graña Blas Míguez, 1786-1841), Villa García (por Doroteo García, 1807-1885, fillo do vilalbés de Árbol Ildefonso García) e Parador Tajes (polo galego-neto presidente xeneral Máximo Tajes, 1852-1912, oriundo da Ponte do Porto camariñá).

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario