luns, 14 de setembro de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (88)

                    7 apelidos galegos históricos e persistentes

O Curmán de Undochán

   

  Ildefonso García Lagos

 

            Este volta non me puiden resistir á influencia de meu curmán e á sua teima onomatolóxica… total, outra crónica que vai cobrar el, poisque el é o pai do año! Como explicalo? Malia aquela antiga actitude vergonzante dos uruguaios da considerada alta sociedade verbo dos ancestros galegos (só comparábel á que inda teñen determinados estamentos sociais de América Latina a respecto da sua ascendencia indíxena –cando a sua mestizaxe é tan obvia para os ollos que ven)… chegaron ata hoxe vellos apelidos galegos, detentados pola dita franxa sociolóxica.

Estou a me referir concretamente aos compostos, que tanto vesten, así: os García-Lagos e García-Pintos, os Vázquez-Ledesma e Gómez-Platero, ou os Lorenzo y Losada e López-Lomba (ignoramos se estes López e Gómez serían tamén galegos; os Lorenzo foran antano uns Lourenço portugueses).

     

            Agás os galegos Lomba, Losada e Platero, o resto corresponde a apelidos patronímicos (dous García e un Vásquez), nomes de familia xeralmente subestimados (e eliminados: [Martínez] Murguía, [Rodríguez] Castelao…), dada a sua superabundancia, sen se valorar seren, como medieváis, os máis antigos… e, nestes casos patronímicos que nos ocupan, sendo teimudamente conservados, atrelados  cos seus complementarios menos comúns…

 

Salvador García Pintos

…Mais non só cando van en primeiro lugar: mesmo indo en segundo hainos que foron mantidos (Berro García e Scaron García –ambos galegos-, Requena García e Torres García, Matos Rodríguez…). Parellamente son lexión, desde antigo –en algo que o curmán Un non se corta en calificar como desprezo á nai que os paréu!!- eses patronímicos a secas, sen segundo: Roque Gómez, Baltasar Pérez, Santiago Vázquez, Juan Miguel Martínez, Antonio Díaz, Adolfo Rodríguez –todos seis galegos de nación-, Joaquín Suárez ou Florencio Sánchez…

Vedeaí, entón, media ducia de familias que chegaron ata a actualidade, identificadas con esoutros tantos apelidos nosos, tres patronímicos, tres doutras castes.

            O caso máis galego, por dicilo sintéticamente, é o dos García Lagos (cuxos dous galegos son) e por el comenzamos, pois, informando que se formou mediados do XIX, con Ildefonso García Lagos (1834-1929, relevante xurista, político e diplomático, neto paterno de Ildefonso García, de Árbol-Vilalva e materno de José Antonio Lagos, de Saxamonde-Redondela. Desde aquela, varias xeracións prestixiaron ese doble apelido noso.

            Anterior foi José Vázquez Ledesma (1792-1858), constituyente de 1830 (por tanto, un dos pais da patria), fillo de Andrés Vázquez, de Curtis, quen transmitiu o composto por varias xeracións.

  
        
Logo temos a un tal Laureano Lorenzo y Losada, fixando os apelidos dos pais, sendo neto materno de José Losada [Lousada] Saavedra (Portomarín, c. 1757), con destacada descendencia.

            Canto aos López Lomba de hoxe, aí temos ao abó Ramón López Lomba (1855-1940), avogado e diplomático, neto materno do ferrolán da Graña Vicente Lomba Díaz.

            Pola sua parte, os Gómez Platero actuáis proceden dun tal do último tercio do XIX, bisneto materno do ferrolán José María Platero Piñón (1798-1855).

            Pouco posterior foi Salvador García Pintos (1891-1956), médico, docente e político conservador, tanto, que está en marcha o seu proceso de beatificación, bisneto do ourensán José García del Valle, e cuxos descendentes seguen a utilizar o tal composto.

            Ledesma, Pintos, Lorenzo (estes dous galego-portugueses), Platero (un Prateiro castellanizado?) apelidos diversos a apuntalar os nosos antergos nomes de familia: como eses apelativos de antigos inmigrantes nosos seguen aquí, invencíbeis a través dos séculos!

 Outra cantiga emigrante: Virtudes tenvos a ruda/ virtudes ten o romeu/ e virtudes as mociñas/ que van p'ra Montevideu.

 

 

 

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario