luns, 7 de setembro de 2020

COUSA DE MEIGAS - 4

Por Pepe de Rocaforte


Para facérmonos unha idea de como se buscaban os meigos e meigas e como funcionaba logo o Tribunal da Santa Inquisición, o libro de don Bernardo Barreiro “Brujos y astrólogos de la Inquisición de Galicia” é unha boa fonte de información. Como mostra imos entresacar algúns casos entre os referidos a meigas, o tema ó que se dedica este repaso.

No ano 1609  Juan de Ochoa, inquisidor de Galicia, instruíu causa a Ana Rodríguez, viúva, veciña de Filgueira, acusada por varias testemuñas dos seguintes delitos: Di un que tendo a seu fillo moi enfermo e, tendo oído falar da sona da feiticeira, foi á súa casa a lle pedir axuda para curar o neno. A meiga adiviñoulle ó instante non só quen era o enfermo, senón tamén o mal que padecía “e todo canto tiña na casa, cofres e recantos” (?). Procedeu acto seguido á curación do cativo para o cal fixo traer á cabeceira do enfermo unha almofía con auga onde botou un puñado de sal e tres carbóns acesos, e alumeando a escena a luz dunha vela de cera bendita nas mans “dunha mociña doncela”, deitaba pingas daquela cera na auga da almofía, mentres dicía: “¡Parece aquí, ladrón! ¡Ladrón, parece aquí! ¡Di a verdade!”. Por esta e outras varias cerimonias sóubose como no lugar había feiticeiras malignas que lle querían mal ó enfermo e ós seu parentes. E o caso foi que, a pesar de todo, o neno morreu e o seu pai delatou non só á que lle viñera dar tratamento, senón tamén a outras meigas da bisbarra.

Outra testemuña contra Ana Rodríguez contou outro caso semellante no cal Ana descubrira cal era a meiga do lugar que lle facía o mal a unha enmeigada, dicindo que para alivialo, precisábase traer unha camisa da tal meiga e, por medio dela, darlle o merecido castigo. Encargouse a propia Ana de se facer coa camisa da outra meiga e unha mañá cedo, posta a prenda á porta da enferma, empezárona a mazar a paus, asegurando a curadora que a así castigada non tardaría en vir por alí queixándose, ou aparecería morta na súa casa. E así polo xeito outras tres ou catro testemuñas de casos similares contra a malvada Ana Rodríguez.

A resultas de tales testificacións os señores inquisidores déronlle á susodita Ana Rodríguez o tormento da mancorna ata que se desmaiou sen ter confesado a veracidade das cousas de que a acusaban. Proseguiron cunha nova sesión de tormento ó día seguinte, pero outra vez foi preciso suspendela polo perigo de lle facer perder a vida á acusada, algo non permitido polas compasivas normas inquisitoriais. A continuación, sen necesidade de máis trámites, por propia vontade, a malvada meiga confesou ser verdade todos os cargos de que a acusaban e, en consecuencia, procedeuse a levala a un auto de fe na catedral, coas insignias de meiga (?), enriba dun taboado, na misa maior dun domingo. Alí léronlle a sentencia e logo levárona polas rúas, espidas as costas para recibir cen azoutes á voz do pregón.

Outro caso: Catalina de Regueira, veciña de Guimaraes, Portugal, casada co labrego Alonso Barba, foi sorprendida pola xustiza no seu domicilio a noite do dez de xaneiro de 1609. Separada do  marido, confiscada a súa casa e demais facenda, foi trasladada ós cárceres do Santo Oficio en virtude dunha denuncia que non parecía baseada en razón algunha. Cando uns días máis tarde tiveron os inquisidores a primeira audiencia con ela, logo de lle preguntar se tiña idea de por que fora presa, como respondese negativamente, fixéronlle saber que estaba acusada de meiga e de matar nenos.

Fora a delatora unha veciña súa a quen lle morrera un cativo que, na súa opinión, non era posible que enfermase gravemente ou morrese se non fose pola envexa e mal de ollo das meigas veciñas súas. Na declaración esta veciña e a súa criada declararon que a noite en que morreu o neno, estando na casa a escuras, pelexaran as dúas cunha persoa núa, que en principio lle parecera un galgo, pero logo decatáronse de que debía ser Catalina, a meiga veciña que lle causara a enfermidade e a morte ó rapaz. “Tales xustizas apostólicas -remata dicindo don Bernardo Barreiro- só poderían inspirar mágoa e desprezo, se non houbese polo medio un fogar destruído, unhas familias arruinadas e os seus bens confiscados, cos que se enriquecían estes xuíces eclesiásticos”.

 (Continúa)

Ningún comentario:

Publicar un comentario