sábado, 19 de setembro de 2020

Apuntes sobre a Pardo Bazán.


Din que cando estaban os obreiros traballando na construción do Pazo de Meirás, un visitante preguntoulle a dona Emilia quen era o arquitecto, e ela non o dubidou un segundo: Aquí o único arquitecto son eu.

Criada nun ambiente liberal, entre clases de francés e profesores que lle aportaban unha educación baseada nas humanidades, aínda era unha nena cando seu pai lle dixo que non por ser muller estaba limitada, e non se limitou. Dáse a coñecer como escritora ós 25 anos cunha obra sobre o padre Feijoo, considérase a introdutora en España do Naturalismo francés, cítase como a inauguradora da columna periodística e como a primeira catedrática de universidade, cando moitas mulleres tiñan que disfrazarse de homes para poder asistir ás aulas. De ideas claras e conceptos firmes, sen evitar que nalgunha ocasión trocara de parecer ou amosara algunha contrariedade (Darwin, o Carlismo, a relixión), avantaxou a moitos dos seus coetáneos dicindo que ela non pensaba por decreto, pero tamén creando unha biblioteca da muller ou participando en congresos sobre o ensino onde expoñía e denunciaba as carencias escolares das mulleres. Quixo ser e foi autónoma, amiga de viaxar e sen eses complexos que tantos anos tardamos en sacudirnos de encima; así, nun caso tan delicado, aínda hoxe en día, como un divorcio, fala do seu abertamente, como se ve nunha carta súa a Machado Álvarez (pai de Antonio e Manuel) contándolle o caso. E só hai que ler algunhas das cartas a Galdós, para comprender as súas firmes conviccións sociais e literarias. O seu título de condesa fóralle outorgado polo papa Pío IX a seu pai, pero cando ela o herda, sinalou que a fidalguía non ten lugar se non se cultiva.

Coa desculpa de que o seu fillo maior comeza a carreira de dereito, vai con toda a familia para Madrid, e non tarda en asistir a todos os salóns literarios e sociais que pode, ata tal punto que Zorrilla chamáballe a “inevitable”, pois atopábaa en todas partes. Ela, de quen se di que foi a introdutora n’A Coruña da árbore de Nadal, disfrazábase e paseaba en carroza coas súas fillas polo Carnaval, chegando a ser tan coñecida e famosa marcando estilo que algún comercio madrileño chegou a anunciar no escaparate: “Isto mercouno dona Emilia”. Non me imaxino a cantidade de seguidores que tería de existiren daquela as redes sociais, pois movíase con tal xeito na sociedade madrileña que a viúva de Zorrilla puido cobrar unha pensión porque ela lla solicitou, como solicitou que o tren ó seu paso por Cambre tivese un apeadeiro fronte á casa de Fernández Flórez, ou que o tranvía d’A Coruña chegase a Sada pasando por Meirás.

Tal vez o feito de ser unha grande viaxeira, que visitaba as capitais europeas con certa frecuencia, pero protestaba contra as tarxetas postais porque “matan a retórica”, facía dela unha adiantada ó seu tempo, cuxa opinión ás veces ía contra corrente, tal cando protesta polas corridas de touros, cando corrixe a Sorolla sobre o retrato que o pintor lle fai para a Hispanic Society de New York ou cando se nega a admitir a edición dalgunha das súas obras en francés porque na súa opinión estaban mal traducidas.

Para o vindeiro ano cumpriranse os cen do seu pasamento en Madrid, onde está soterrada a pesar de que en Meirás deixara disposto un lugar para acoller o seu corpo.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


Ningún comentario:

Publicar un comentario