luns, 5 de abril de 2021

FACENDO O CAMIÑO (10)


 DE NÁJERA A SANTO DOMINGO DE LA CALZADA

Por Pepe de Rocaforte


 

27 de maio – Esta mañá, moi cedo, como nos estamos afacendo por culpa dos franceses madrugadores que nos escorrentan o sono todos os días, iniciamos o camiño de Santo Domingo de la Calzada. Pola pista que se afasta da vila bordeando Santa María la Real, ademais de peregrinos, vemos coches con excursionistas locais, tal vez dispostos a pasar un día de campo aproveitando o domingo. Tamén eles son madrugadores.

Pasamos por Azofra e lembrámonos do belga da mañá anterior, o futuro hospitaleiro do Camiño. Logo a pista lévanos ata a estrada, onde se nos presenta a alternativa de seguir pola súa beira ou torcer á esquerda para chegar a Cirueña e de alí a Santo Domingo. O sol xa empeza a apertar de firme, o que nos fai escoller o traxecto máis curto, a pesar do inconveniente de correr paralelo á estrada.


Chegamos a un altiño onde hai unha estación de servizo e alí vemos camiñar de cara a nós, pero pola beira contraria da estrada, un home de mochila ó lombo. Ten ganas de falar e atravesa a carreteira para vir onda nós. Sentámonos a conversar un pouco con el e cóntanos que é brasileiro, outro máis. Iniciou a viaxe a pé en Madrid, desde onde foi a Guadalupe, en Estremadura. De alí atravesou a Portugal e subiu a Fátima, onde tomou a ruta de Santiago. Desde Santiago vén facendo o camiño en sentido contrario a nós e o seu próximo destino é Lourdes, desde onde pensa baixar a Roma, para logo gañar a volta e continuar ata Xerusalén. Pregúntolle canto tempo pensa inverter en todo ese percorrido e encolle os ombros. O que sexa, responde, non lle preocupa. É novo aínda, calcúlolle arredor dos trinta anos. ¿De que vivirá? Supoño que cando regrese ó Brasil non se verá apremiado por problemas económicos ou laborais.

Ó entrarmos en Santo Domingo, á porta do albergue das monxas, aínda pechado, atopamos a unha das uruguaias con que nos viramos por primeira vez en Eunate. Chámanos a atención, porque tanto a ela, que é a máis lenta, como á súa curmá, a que me viñera abrazar alborozada coidándome paisano seu, e unha brasileira, Bernardete, “Dete”, filla de alemán e italiana, que viaxan xuntas, deixarámolas atrás hai dous días. Confésanos que veu en taxi porque ficara moi atrasada e as súas compañeiras non queren que camiñe soa. Agora está aquí esperando por elas. Nós seguimos ata un pouco máis adiante, a un albergue na casa da “Confraría do Santo”, onde quedamos en reunirnos co grupo habitual destes últimos días.

A eso da unha van chegando os últimos do noso grupiño. Chus, o chef de cociña, veu en coche ata aquí, pero esta mesma tarde collerá camiño de volta para a casa xunto cos fillos de Jaime. A ferida do ollo vaille ben, pero a da perna moléstalle bastante para andar. Quen tamén fixo unha etapa máis é Nerea, a muller de Jaime, a quen estivera animando Inma a proseguir con nós a excursión ata Santiago, o que lle valeu unha reprimenda do seu marido, cando non estaba Nerea diante. Jaime seica non ten ganas de levar consigo compañía conxugal, prefire continuar de mans libres.


Xa todos xuntos imos xantar en “Santa Teresita”, o hostal das monxas que, segundo me contaron, son da Orde do Císter: No ambiente de recollemento deste comedor empezamos a montar un alboroto escasamente piadoso. Corre o viño, Fernado “Gila”, fílmanos a todos coa súa vídeo-gravadora. O alboroto prolóngase despois de xantar ata que nos veñen dicir que lle é preciso recoller as mesas, ou sexa, que xa é hora de irnos largando a dar a murga noutra parte máis mundana.

Igual que onte en Nájera, preséntasenos unha tarde de domingo aborrecida. Vai unha calor que non che permite acougar en parte ningunha. As cegoñas fan castañolar os seus picos nos niños ó longo dos restos da muralla da poboación. Só dentro da catedral se nota fresco e polo tanto imos botar alí un bo anaco á espera de que canten as galiñas (ou o galo), que viven nunha especie de relixioso galiñeiro no interior do templo. Disque oír cantar as galiñas da catedral é un bo presaxio para o peregrino, pero nin flores, hoxe non deben ter moitas ganas de cantar, supoño que o domingo será día libre para elas.

Estamos nestas cando empeza o rezo do rosario e unha amable señora vénnos informar de que durante a celebración dos oficios non se poden facer visitas turísticas. Será cousa, polo tanto, de irmos marchando, aínda que non poida ser con vento fresco. Está visto que hoxe lle toca ser día de botarnos dos sitios. Pola miña parte voume a un bar para ver na televisión como o Deportivo perde na casa por dous a un frente ó Valladolid. A ver se remata pronto este domingo de Santo Domingo.

NOTA: Esta etapa do Camiño dáme pé para contar a historia do galo e a galiña que cantaron despois de asados. Se vostede ten interese en lela poderao facer este xoves ou venres na miña colaboración habitual de tal día da semana.

    (Etapa 11)

Ningún comentario:

Publicar un comentario