mércores, 4 de agosto de 2021

A POZA DO SAL

 Por Pepe de Rocaforte



    

Poza de la Sal é o nome dunha pequena vila da bisbarra burgalesa da Bureba a onde un día cheguei case casualmente, sen a menor idea do que era un diapiro, nin ter ningún interese en saber como se facía a explotación dun mineral de tanta importancia que foi utilizado ata as proximidades da época moderna como medio de pago, de onde, como xa sabemos, procede a palabra “salario”.

Con estes antecedentes cheguei formando parte dun grupo en visita turística a un centro de interpretación na antiga “Casa de la Administración de las Salinas Reales” de Poza de la Sal, resignado a soportar un cognazo de explicacións sobre a historia das minas e como se traballaba para extraer o sal desde antes da dominación romana.

Pero para a miña sorpresa persoal e a da maioría dos que formaban parte do grupo, despois das primeiras frases de presentación da guía encargada de nos atender, o noso interese e a nosa atención foi en aumento ata quedarmos literalmente prendidos das palabras daquela muller que nos facía partícipes do seu entusiasmo á hora de explicar como, nunha época na que aínda non se formulara a teoría dos vasos comunicantes (hoxe sei que eso non é a, porque, segundo nos explica a wikipedia, un tal Filón de Non Sei Cantos xa descubrira esa lei no século III a. C.), utilizábase aquí un medio de extracción do sal polo procedemento de botar auga nun pozo perforado a certa altura e comunicado con outros pozos coa boca a un nivel inferior. Algo con certo parecido ó que tamén os romanos utilizaron para extraer ouro nas Médulas galaico-bercianas.

Aquí a auga orientábase cara o chamado diapiro, palabra que ningún dos que atendiamos á charla oiramos nunca, polo cal, para coñecemento do lector, por se acaso el tampouco a oíu, traslado unha definición non excesivamente clara que acabo de ver en internet:O domo salino é unha masa intercalada entre estratos sedimentarios que, a baixa temperatura, adquire forma de cilindro ou cogumelo de sal de gran tamaño (de centos de metros a tres quilómetros de diámetro), denominada diapiro, que tende a ascender provocando a súa deformación e rotura”, e que, continúo eu, ten un movemento similar ó da lava no cráter dun volcán en erupción.


Para chegar ós filóns de sal cavábanse, como digo, pozos de arredor dun metro de diámetro e uns corenta metros de profundidade, comunicados entre si por medio de galerías subterráneas. Logo, polo pozo situado no nivel superior, facíase baixar a auga recollida previamente en estanques aínda a maior altura para disolver o sal converténdoo en salmoira e facéndoo saír polos diversos pozos inferiores, onde se extraía e se estendía en depósitos rectangulares de escasa profundidade onde o sol provocaba a evaporación da auga, nun proceso similar ó das salinas da beiramar. E ata aquí colorín colorado.

Lamento que esta explicación non sexa máis clara nin teña o contido emotivo que a nosa guía lle soubo dar enchendo de amenidade a nosa visita. Cóntoo nun desafortunado resumo, esquecidos ó día de hoxe o estilo e boa parte das informacións con que aquela muller nos regalou un entusiástico canto ó diapiro de Poza de la Sal, segundo ela o máis importante do mundo, ou un dos máis importantes, especialmente polas facilidades que ofrece para o seu estudio científico, atraendo a gran cantidade de investigadores de boa parte dos países de Europa e América, que veñen á Poza do Sal para estudiar este curioso fenómeno.

    


Chegados aquí, como sempre se pode atopar tempo para todo, voume permitir facerlles unha recomendación: Se viñeron ver as minas de sal, aproveiten o día para lle xirar tamén unha visita á vila e o seu recinto medieval, cunha ben conservada muralla do século XIII; paréceme que paga a pena. E de paso vexan o busto erixido a outro entusiasta divulgador da fermosura da natureza e da fauna salvaxe, Félix Rodríguez de la Fuente, nacido nesta vila e sobradamente coñecido, polo menos por quen xa somos un pouco maiores e pasamos algúns momentos felices seguindo os seus programas televisivos sobre os lobos e outras especies animais.

E apurando a cousa un pouco máis, se o tempo non lle mete présa, non se vaian sen facer unha parada na vila de Oña, a dezaseis quilómetros, co seu monumental mosteiro, construído entre os séculos XI e XVIII, o segundo monumento en orden de importancia (despois da catedral de Burgos) nesta provincia, moi maltratado pola administración, case sen recibir subvencións para o seu mantemento, segundo nos contou o guía que nos pastoreaba por aquel enorme e incrible edificio. E xa de paso non se esquezan tampouco de facer, vinte e cinco quilómetros máis adiante pola mesma estrada, outra paradiña en Frías, vila apolicada nun incrible picacho desde onde outea afastados horizontes, e comparen coas de Cuenca as súas casas colgadas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario