sábado, 7 de agosto de 2021

Os límites da idade.

O amigo Xoán, con
quen comparto longos paseos matinais mentres repasamos a vida, dime que xa coñece a máis xente no cemiterio que nas rúas. É unha das moitas vantaxes que nos dá o ir cumprindo anos. E a meta nunca revelada por ningún de nós é lembrar a todos os finados do camposanto. A lonxevidade é unha das posesións que máis nos afanamos por acaparar.

A eterna pregunta de cantos anos podemos vivir, só revela o medo que lle temos á morte, e para alongar a despedida deste mundo enchémonos de vitaminas, practicamos deporte, coidamos a dieta, e desprendémonos de todos os vicios, pero uns mellor ca outros todos acabamos chegando a esa data de caducidade que non vén indicada en ningún envoltorio. A partir de certos anos o corpo, por moi coidado que estea, empezará a consumirse como as ascuas do lume. O músico Compay Segundo aguantou noventa e seis anos sen sacar os habanos da boca e estoutro día, para presumir de xenética, unha señoriña galega de cento e pico de anos saíu na televisión levando unha carreta de ladrillos e asegurando que todas as noites, antes de deitar, lle botaba unha copiña de augardente. Son casos raros ós que todos aspiramos, pero como santo Tomás teño que velo, sen cámaras nin salas de mestura e trucaxe por medio, para crelo.

Agora dinme que os científicos encontraron as razóns dos límites de idade de cada especie, ese tope que non se pode superar, pero tamén que hai quen confunde o límite coa esperanza de vida dunha determinada poboación. Aquel depende da xenética e estoutro das condicións sanitarias, e se ben parece que cada ano esta aumenta, todo é debido a que a media mellora cando diminúe a mortalidade infantil. O cal non me vale para medir a que anos nos temos que xubilar, pois que mellore a media non significa que se alongue o límite da idade. Aínda así hai vellos que se conservan máis rufos ca outros. E todos temos dereito a ir ás viaxes do INSERSO sen apoiarnos nun caxato.


Na literatura popular, o por que os humanos vivimos máis ca os animais que nos rodean está moi claro e moi ben explicado, se lembrades aquel conto de cando Deus creou o mundo e, na súa infinita sabedoría, a todos os seres por el creados lles puxo o mesmo límite de idade, e indicoulles a súa función; o burro debería cargar con pesos ó largo de trinta anos, co que o animaliño preferiu vivir dez anos menos e que eses sobrantes fosen para o home, o can tampouco quixo estar tantos anos de sentinela preocupado co coidado da casa e da familia, e ó mono pareceulle demasiado andar a saltar e facer cabriolas, co que o home, sempre tan egoísta, aceptou os anos sobrantes dos demais con cargas e intereses, e polo tanto, despois de vivir humanamente ha de traballar coma un burro, logo todo son preocupacións pola casa e a familia coidándoa e roñando con quen sexa, e cando lle chegan os netos non fai máis ca monadiñas.

Pero aínda con todos estes anos engadidos segue sen haber un límite exacto que marque o tope de cada quen para advertirnos e preparar a maleta para o Outro Mundo. 

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 



Ningún comentario:

Publicar un comentario