xoves, 6 de marzo de 2014

MONUMENTOS REPETIDOS


Por Pepe de Rocaforte
 
National Gallery de Ottawa
           Estáballe botando unha ollada a unhas fotografías de Canadá, cando nunha reproducción da National Gallery de Ottawa vin en primeiro plano unha enorme araña que axiña se me fixo coñecida. Busquei fotos do Guggenheim de Bilbao e alí estaba a irmá xemelga da araña canadense. Logo lin que ambas esculturas se chamaban “Mamam” e a súa autora era Louise Bour­geois. Pero non só eso. A mesma araña está repetida polo menos en Londres, Zurich e Buenos Aires.
Guerreiro, de Fernando Botero
            Todo eso levoume a pensar que nA Coruña tamén contamos con algunhas esculturas repetidas noutros lugares do mundo. A que máis, o “Guerreiro” de Fernando Botero, diante da “Do­mus”. Outro guerreiro idéntico atópase en Pietrasanta (Italia), cidade á que lle foi doado polo autor. E outro máis, supoño que tamén doazón, está en Medellín (Colombia).
            Da escultura de “Breogán”, obra do ourensán Xosé Cid, no inicio da rampla de subida para a Torre de Hércules, hai unha réplica case exacta á entrada do pazo de Vilamarín, en Ourense, o “Guerreiro gardián”, do mesmo autor.
 
Breogán, de Xosé Cid
           E na Praza da Fariña, ou de Azcárraga, na Cidade Vella, temos unha fermosa figura feminina coroando a chamada “Fonte do Desexo”. Hai anos lin, non podo lembrar onde, que había unha fonte idéntica nunha cidade francesa da
cal non podo lem­brar o nome. Bus­quei información, pero a única que puiden sacar, no pé da estatua coruñesa, foi a inscrición: “Dugel Mtre. de forges - París”.
Fonte do Desexo, nA Coruña
            J.J. Dugel e Fillos, de París, foi unha importante fundición de fins do século XIX e comenzos do XX, pero na información sobre eles non atopei, ou non vin, ningún dato da fonte coruñesa nin da súa reproducción francesa. Por curiosidade ¿poderíame alguén axudar a localizar a cidade de Francia onde se ubica esa outra fonte?


HILDA

                                                                          por Pura Tejelo

 

Viñera dun lugar de resonancias xermánicas,

a súa independencia arrincaba
das estreitas cadeiras até a gorxa  conmovida e cálida,
estalando  no inesperado pelo louro
con reflexos de centeo e landras,
de pan antigo.


Unha noite de San Xoán ,
danzou
coa música dun violín áspero, un sopro pimitivo e flambeante,
a escueta camiseta  vestía a penumbra  dun fléxo escénico.
Posuída, volteou, deu saltos,
ao remate, quedou tumbada . Exhausta. Remol de brasa.
O violín seguíu un tempo soando, intimidándome como o roce
dos élitros dun grilo arrebatado.

Aínda o sinto os días de frío que anuncian neve
como se baixase do Rhin  un xélido manto  de aves  emigrando en harpa
e outro roce de patas de aramio e máxico  rabuñase o vento.

Xuntas percorrimos anos xuvenís a contravento e bandeira
buscando  un mundo sen cárceres, intermediarios e ataduras.
Un día atopeina apoiada no portal, levemente alada.
-Hilda, que fas co teu aparato de música ?.

Gardeino.
No faio da miña casa  late, en remol, entre outros enseres
cunha cinta de Allan Stivel e música chilena,
bailando un soño de humidade e anarquía.
Souben dela moitos anos despois
marchara a México  buscanso  a lonxanía  extrema das aves libres.

Tiña  no seu perfil de cóndor
incisivo e de
                       batalla
                                              un festín  de cándidos marmelos.


mércores, 5 de marzo de 2014

O navío de Isis

                                         
            Por Rosa Benigna Vizcaya
  
          O día cinco de marzo celebrábase na antigüidade, en augas do Exeo, unha festa para honrar a Isis, na que se sacaba en procesión a imaxe desta deusa de orixe exipcia, desde o seu templo ata o porto, para ofrecerlle unha nave que se deixaba á deriva e propiciaría as boas singraduras, precisamente nestas datas, en que comezaba o período anual de navegacións.
            Coñecemos con detalle a procesión gracias á obra de Lucio Apuleio, “As metamorfoses ou os Asno de ouro”. Aínda que toda ela moi interesante, pola proximidade co Entroido e o Carnaval ímonos centrar nun grupo que enchía as rúas o día da festa, formado por unha mascarada na que tiñan cabida diferentes figuras, así aparecían desde persoas disfrazadas de senador, de filósofo, de pescador, de cazador, un home con roupas, perruca e zapatos de muller e ata imitando o andar feminino, unha osa sentada nunha cadeira e ataviada como unha respectable matrona, unha mona vestida de Ganimedes (un mozo do que se namorara Xúpiter) e outros oficios, actividades e profesións. Semella un grupo de disfrazados do noso Carnaval: no lugar do filósofo podía ir un famoso presentador da televisión, no do senador calquera político, e para algo máis indeterminado usaríase o inefable buzo azul.
            Cóntanos Apuleio que entre estes xogos populares (como el os define) viña a solemne procesión da deusa protectora, con mozas que ciscaban pétalos e perfumes por onde ía pasar a comitiva sagrada, mulleres que cantaban ou recitaban textos sagrados, con roupas alegres e espellos ás costas para que a deusa vise a quen viña detrás dela, a continuación os sacerdotes vestidos de branco e rapados, portando diversas reliquias e facendo sonar varios instrumentos musicais, os fieis portaban candeas, cirios e teas acesas, un dos sacerdotes levaba un recipiente con forma de peito feminino do que saía leite e outro portaba sobre as súas costas a imaxe dunha vaca como símbolo de fertilidade, pois a mesma deusa era considerada unha das nais da terra.
            Unha vez concluída a procesión, e botado o navío, cando este se perdía no horizonte regresaban ó tempo, onde os fieis bicaban os pés da imaxe da deusa.


martes, 4 de marzo de 2014

UM APELIDO. UM NOME.


                                   Por UM-DO-CHAO.
CERVANTES… SAAVEDRA.
O apelido.
            Bem se verá que a razom de juntarmos estes dous apelidos obedece, simplesmente, a vê-los imortalizados naquel escritor de cujo nome e personagem si que queremos lembrar-nos… umha volta aínda, e fazemo-lo hoje celebrando que, como é universalmente sabido, ambos nomes de família som originados no nosso país… e ambos os dous de procedência toponímica.
     
Monumento a Hernandarias en Bos Aires
       Tem-se tentado fazer derivar Cervantes de Servández, val dizer, atribuir-lhe natureza patronímica; seria um filho de Servando: nom parece subster-se tal rebuscada hipótese (sem citarmos a passagem de d a t, que nom seria difícil), mesmo se observarmos a nom existência, que se saiba, de tal patronímico na que seria a sua susodita forma canónica… U-los outros Servández ao longo da geografia peninsular?
            Ora, nom está de mais sinalar que tal topónimo, nom só temo-lo na Galiza mas tamém o hai na Sanábria samorana (com toda a raíz galega que esta, como as restantes zonas limítrofes nossas a conformarem a Galiza irredenta, poda ter, e de feito tem). Os escasos Cervantes galegos da actualidade, por certo, vivem nos concelhos vizinhos de Meira e Pol. Méndez Ferrín, mais umha volta, aventura que esta palavra, originada no latim cervus, a denominar o formoso mamífero astado que todos sabemos, tamém poderia ter identificado, nessa versom, qualquer indivíduo com tal nome, Cervo (como passa com outros animais, engadimos nós: Lobo, Coelho, Tenreiro…), que subsiste hoje em dia, se bem este, com muita probabilidade, provenha do topónimo Cervo. Os poucos que o levam moram exclusivamente em Viveiro.
Cornelio Saavedra
            E Saavedra?  Bó. Este si que nom permite dúvida algumha. Pois que é absolutamente galaico-português. Se o descompormos, veremos como Saa (existente assi, solto), traduzível literalmente ao moderno sala, aludíu, no seu comezo, a umha edificaçom ailhada no campo com ares pacegos, claro antecedente do paço, um exemplo do qual podemos contemplá-lo na ovetense Santa Maria do Naranco, paço antes do que igreja… talvez mais próximo ao que poderia ser um paradeiro de caça… sendo vocábulo de origem germánica.
            Quanto a Vedra (de feito a correcta escrita devera separar-se em Saa Vedra), nom é mais que o arcaísmo latino vétera (dando veterano) da actual velha, assi presente em topónimos e apelidos tales Pontevedra, Eiravedra (Iravedra como apelido) ou Vilavedra (sem que o demos relacionado coa Lavedra corunhesa… se nom é esta umha derivaçom secular de Saavedra/Savedra, apenas convertendo um S num L)(¿). Folga aclarar que Saa e Saavedra som topónimos que derom nascimento ao apelido (curiosamente, o topónimo Vedra nom o vemos como apelido. .
As personagens.
Saciado o Cervantes co autor do Quixote, só traemos alguns persoeiros Saavedra.
1 Hernando Arias de SAAVEDRA (Hernandarias)(1561-1634), asuncenho, primeiro crioulo ostentando cargo político qual foi o de governador de Rio da Prata e o Paraguai, iniciador da liberaçom do indígena, introdutor do gando vacum na Banda Oriental.

2 Cornelio SAAVEDRA (1759-1829), potosino, primeiro presidente da primeira Junta autonomista portenha (25 de Maio de 1810) e militar. Descia de galegos.

luns, 3 de marzo de 2014

A Morena de Laza


Dixéronme que a Morena era unha vaca, pero pórtase coma un touro.
         
Laza está aborrotada de xente. Por todas partes a expectación leva a uns e outros polos camiños do pobo, buscando aquí e aló onde está esa chamada Morena. E aló van cara Cimadavila, un barrio que queda algo arredado do centro, e a onde vai un vamos os demais detrás. E alí a multitude agrúpase arredor duns tipos que portan longos ramallos de toxo, de máis dun metro de longo, ou coleiros de verzas, tamén longos como este servidor nunca outros viu. Noutro lado, un grupo mira as formigas conservadas en capachos, grandes formigas embravecidas polo vinagre con que as encirran os paisanos. Pero da Morena non se sabe nada. Xa os raios de sol alongan as sombras e aquí só hai xente.
Cae o sol. E todos seguen expectantes. E de súpeto, cando o derradeiro raio se agocha tras os montes, para vencer á noite que se aproxíma, aí sae a Morena e todos os veciños e visitantes estoupan nun berro de alegría e temor, de furia e festexo, porque a Morena trae a forza desas vacas que abren a terra e a forza xeradora da vida.

A Morena é unha peza de madeira que simula a cabeza dunha vaca, cos seus cornos, portada por un mozo tapado cunha manta, que corre perseguindo ás mulleres, mentres aqueles que portaban o toxo e os coleiros dirixen ó grupo que corre desenfreadamente diante dela dándolle cos seus longos paos co fin de agrupalos onde lles convén, ou abrir paso cara algún incerto lugar. E ó lado da Morena, os paisanos anímana con palabras que nos lembran que esta celebración é unha celebración da vida, uns dinlle que non se poña nerviosa “que xa vas ó boi”, outro dille “tes a todo o macho para ti”, e mentres tanto ela encorna a canta muller atopa e cos seus cornos trata de erguerlles as saias para deixalas coas vergoñas ó aire. ¿Por que?, ¿porque é unha competencia?, ¿porque para a vaca o sexo é para xerar vida e a muller tamén o emprega para outros menesteres?. Corre a Morena no medio de todos e a catarse é total.

E tras este desenfreado correr chegamos  ó centro da vila, onde unha nube de fariña e formigas caen sobre todos os presentes, benzón de fariña branca como a pureza, mesturada con formigas piconas, como a vida mesma, onde o ben e o mal se mesturan onde todo forma parte da natureza e onde nós, embadurnados de tales elementos sentimos que a vida volve ó mundo e que, anque chova, o inverno xa rematou. 
E daquí imos a visitar Os troteiros de Bande

Os Volantes de Chantada.


Por entre os socalcos do Miño, nas terras de Chantada, circunscritos ás parroquias de Santiago de Arriba, Vilaúxe, San Pedro, Camporramiro, Nogueira e Sariña, aínda saen os Volantes despois da misa do mediodía do domingo a pisar as fincas, “senón non nace o froito”.
Os Volantes distínguense porque ademais da camisa branca e os pantalóns xeralmente en cores amarela e vermella, coas súas campaíñas ou chocas ó cinto, leva sobre a cabeza un pucho feito dun culeiro de carrexar as uvas posto do revés e adornado con múltiples fitas e figuras, entre as que non pode faltar unha boneca e flores, un pucho que o Volante suxeita cun pao e con el vai danzando pola parroquia adiante, pisando as leiras para transmitirlle a fartura que el pregoa, acompañado sempre duns peliqueiros que visten con farrapos e roupas vellas, que apartan á xente do camiño do Volante cuns látigos. E detrás deles virán os Mecos, que son unhas máscaras que representan os oficios. Sen embargo, neste punto, ei lembrar que Frei Martín Sarmiento asocia a palabra Meco con Demo, o cal nos pode facer pensar que nalgún intre, estes Mecos serían representacións do mal que foxen ó paso dos Volantes.
Temos que volver a Laza, porque vai saír A Morena de Laza

O Oso de Salcedo


Sabemos que hai moitos osos simbolizando o renacer da natureza, tanto no norte da península Ibérica como en moitas zonas da Europa central, pero este é o noso Oso.
Sae cada ano, o luns de Entroido, pola tarde, como se espertase dunha longa invernada para anunciar o novo tempo. Sae como un oso de verdade golpeando o peito, berrando para botar fóra a morriña do inverno, con fame e gañas de devorar o mundo. Cando o oso esperta esperta a natureza.
Os paisanos agardan por el nas rúas de Salcedo. Nótase o nerviosismo, porque non se sabe por onde vai vir, agárdase por esta rúa, pero un movemento raro noutra esperta a curiosidade e a atención, ata que de súpeto aí se ven vir os axudantes, os criados, vestidos de saco, roupas feas e feras, ameazando coa súa única presencia. Veñen mirando de lonxe, co seu caldeiro cheo de borralla en auga, buscando as víctimas que lle ofrecerán o Oso.

E detrás dos axudantes vén el, o protagonista, o xefe do clan, o deus da primavera, o símbolo do renacer dos campos e da vida. Como se espertase dun longo sono durante o que a terra estivo morta, inerte. A súa aparición é un grito de alegría “aí vén o Oso”, e unha excitación nerviosa invade a todos os presentes. Toda a tribo, o clan, toda a parroquia, toda a xente, toda persoa é unha posíble víctima das súas gadoupas enzoufadas de borralla e cinza, que os axudantes collen, reducen e lle ofrecen  para que sexan unxidos por el, para que teñan unha longa e próspera andaina o resto do ano. Todos son posibles víctimas, vellos ou novos, homes ou mulleres. Ninguén quere mancharse, pero as caras emborrolladas son caras alegres, porque son os rostros que foron benzoados polo deus da primavera. Todos se resisten, pero a forza da natureza, a forza do Oso que trae o tempo de sol e días medrados non se detén, e fai que os paisanos sucumben baixo as súas gadoupas borralleiras.
Quede claro que o oso de Salcedo non mata, bendice, unxe, sinala coa marca da fartura, porque a cinza e a auga son o abono máis sinxelo de calquera horta.

Estamos pois, diante dunha figura totémica, posiblemente moi anterior a cando os romanos chegaron a Galicia, pero, ¿xa estaba aquí cando eles chegaron ou trouxérona os Suevos no século V da nosa era?. 
E daquí cruzmos cara Chantada, para ver os Volantes

domingo, 2 de marzo de 2014

As Mazcaras de Manzaneda


Foi un sábado de procura, baixando para encontrarnos nestas abas do Invernadoiro, na serra da Queixa, onde nos sorprendeu a longa afluencia de xente, de coches que nun intre invadiron as beirarrúas, e alí aparcamos, curiosos e sorprendidos de tan repentina afluencia de público.
Mesturados coa xente encontramos esta singular figura que os paisanos chaman “Mazcara”, con ese “Z” que pretende identificar e diferenciar á curiosa vestimenta branca con algún mantón de Manila ou sucedáneo, moitos flocos voandeiros, e nos piramidais gorros compostos con esas brillantes e coloridas fitas de Nadal recicladas, flores de plástico e chocas na cintura.


O primeiro que pensamos é que a reciclaxe tamén chegou a Manzaneda, con esas fitas que sobraron dos adornos Nadal e agora adornan a cofia ou mitra ou pucho con que se engalanan, luz e cor sobre a pureza branca da roupa, danza continua, sen careta, a cara descuberta, danzando sempre, continuamente, diante do folión que os acompaña repenicando legoñas e golpeando tambores ata sorprendernos o compasado son.
 
E desde aquí, seguindo os camiños da fartura, imos cara A Pobra do Brollón, para recibir a benzón do Oso de Salcedo

Os Boteiros de Viana do Bolo


Tamén son boteiros os de Viana, ó outro lado do río, co encoro do Vao polo medio, e tamén dan brincos coas súas pértigas, pero a máscara, negra, como para distinguirse da de Vilariño, ás veces engalanada cuns cornos, que nos traen á memoria a algún ser arcaico, algunha divindade agrícola, leva unha mitra de entrambilicadas figuras, alta, e pesada, moito máis alta ca dos de Vilariño, como copa de árbore farturenta.
Acostuman a ser estas mitras unhas estructuras de arame recubertas con papel de cor ou telas, nalgún caso, con moitos e moi variados motivos que poden facer alusión a algún tema en concreto ou simplemente representar figuras xeométricas de agradable visión.

Na cintura non poden faltar as campaíñas, non lle faltan as polainas nin o mantón de Manila. Corren polas rúas con paso libre, podendo se eles queren pasar por riba de quen se poña diante, pateándoos e arrastrándoos sen dor, porque así é o tempo que comeza: un río de vida que nada pode deter.
E seguimos no soso percorrido por estas terras en festa camiño de Manzaneda, das
                                  Mazcaras de Manzaneda

Os Boteiros de Vilariño de Conso


Os boteiros botan, evidentemente, ou sexa, que saltan sobre as súas pértigas ou moncas trenzadas. Saltan procurando unha aproximación ó ceo, coma árbores vivas que suben día a día. Andan brincando e lucindo as vivas cores do seu traxe, os fruncidos pregues que forman fermosas rosáceas e figuras xeométricas. As máscaras adornados cunha mitra cadrada, xeralmente con algún símbolo astral, amosan unha cara branca, con algo de barba simulada por uns flocos. Todos eles son flores, primaverais luces que percorren as rúas de Vilariño que brincan sen orden, expontaneamente diante dunha ruidosa comitiva, ou acompañados do son dos tambores, abríndolle paso ós Folións.


Ninguén ousa interromper o paso dos Boteiros. Eles teñen sempre preferencia e arrasan con quen se poña diante.
E agora cruzamos para Viana do Bolo, para disfrutar dos Boteiros de Viana do Bolo

Os folións


Foi unha noite de Entroido. Xa era tarde e estabamos nun hotel da Pobra de Trives recuperando forzas para o día seguinte cando, a iso da media noite pasada, o son dos tambores empezou a sentirse como se viñese de lonxe, rítmico, aumentando o son a cada intre, canto máis se aproximaba. Qen sabe de onde viñan, se da próxima Manzaneda, onde os víramos esa tarde, ou da Vilariño de Conso. O son ía acercándose e ó pouco todos os hóspedes do hotel asomaron ás fiestras para ver pasar o nocturno Folión.
Ese acompañamento de tambores e ferros que levan os Boteiros de Viana e de Vilariño, así como as “Mázcaras” de Manzaneda, son unha constante no acompañamento das figuras tradicionais do Entroido nesta parte de Ourense. Agora xa se mesturan os protocolarios usos, pero ata non hai moitos anos, os tambores só os podían tocar os homes mentres que as mulleres golpeaban sobre aparellos agrícolas de ferro, gadañas, legoñas e outros ferranchos. Así mentres os homes golpean unha figura redonda que lembra as formas femininas, as mulleres golpean obxectos puntiagudos que lembran as formas masculinas cun ritmo desacorde nun principio, no que cada paisano toca ó seu xeito, pero pouco a pouco, golpe a golpe van chegando a unha uniformidade de ritmo ó encontro de sons, a ese estado de gracia que se alcanza cando todos camiñan, tocan, responde cun mesmo acorde. Cando a parroquia está en sintonía.
Son berros de vida contra o mortífero inverno que se vai, ou así os interpretan os etnógrafos, e así os vemos nós, que na nosa experiencia vital sabemos como pola maña, xa o rechouchío dos paxaros chega ata nós, que aínda non hai un mes nos erguíamos co silencio da natureza, ou rodeados dunha natureza morta.

Aínda así é sufrido o traballo que se fai para chegar a esta boa sintonía da comunidade, tan sufrido, que nos sorprendeu en máis dun dos tambores ver as marcas do sangue sobre o coiro, sangue de mans labregas que golpean durante horas sobre o coiro na procura dunha sintonía coa natureza.
Este é o son da vida, pero a vida tamén é cor e danza como os Boteiros de Vilariño de Conso

.-.-.-.-.-.-

Os percebes de Langosteira

sábado, 1 de marzo de 2014

Os Peliqueiros de Laza


Sen dúbida, Laza é un dos lugares máis senlleiros de toda Galicia, non só no Entroido, senón tamén noutras festas ó largo do ano, nas que se festexa o florecemento da vida e a renacenza. Non quero ser partidista, pero así é. Mostrei e mostro a miña querencia por outras figuras do noso Entroido, pero confeso sen rubor que en Laza, diante deles, vertín bágoas de emoción. Ir a Laza é ir á Terra Santa do Entroido, pero non a unha terra santa de mortos senón de vivos e de vida, un santuario que mantén a esencia do que esta celebración é, a pesar da tentación do turismo mantén os principios de invocación á vida e á renacencia que debe ter o Entroido.

Os Peliqueiros de Laza contan ata cunha película documental na que puxeron o seu saber Miguel Castelo e Miguel Pérez Romero aló por mediados da década dos setenta, cando as rúas eran camiños de lama e Laza un recuncho illado. Son as figuras referenciais, o cartel que atrae ós turistas carnavaleiros, son os sacerdotes da tradición, sempre con dereito de paso, con preferencia nos camiños por onde van, coas súas mitras historiadas, a súa roupa branca e os floridos flecos, garabata e chaleque. Vestir de Peliqueiro non é un acto simple, é unha cerimonia na que participan amigos e familiares, un ritual, porque o peliqueiro é unha autoridade que sae a benzoar os camiños de Laza, e o domingo, tras a misa de doce, perfectamente dispostos no adro, coas súas zamarras saúdan as persoas que saen do acto relixioso, como modernos lupercos desexándolle saúde e prosperidade ós veciños.

Tamén vin como un señor maior, chamando por un peliqueiro rogoulle que fose saudar á súa esposa falecida, na campa onde repousa, e o peliqueiro, acercouse á campa e despois de facer soar as chocas cun áxil movemento de cadeiras, bateu coa pelica sobre a lápida tres veces, como un acto para facer triunfar a vida sobre a morte, para dicirlle á finada que na vida desta terra aínda hai quen se lembre dela, que non está soa nin esquecida, que os finados seguen vivos mentres haxa quen os lembre. Ese día souben que os Peliqueiros non son uns simples choqueiros máis ou menos simpáticos ou alegres, senón que, debaixo das súas máscaras está a seriedade dun antergo rito, a transcendencia da existencia humana, que hai toda unha tradición de invocación á vida que se perde no longo pasado que nos precede.

Deixamos para outra ocasión a simboloxía da fariña, a cinza, as formigas e a bica, que tamén forman parte do ritual. 
E seguimos no noso camiño cara as terras de Trives, Vilariño de Conxo e Viana para escoitar
 Os folións

Os Felos de Maceda


      
      Heivos dicir, coa esperanza de que ninguén se senta ofendido nin se saquen conclusións de desafecto con ninguén, que lle teño unha querencia especial ós Felos de Maceda, porque conto con moi bos amigos entre eles. Tamén porque os coñecín cando ninguén falaba deles, como se non existisen, pero aí estaban, resistindo, na medida do posible, non só contra as prohibicións, senón tamén como aqueles que os minguneaban porque non eran famosos. E sorprendéronme de súpeto cando apareceron na miña casa vestidos con esas máscaras de mitra con figuras de animais, coa pelica, coas medias negras, sen liga que os distinguen, a camisa branca as chocas grandes e pesadas, o mantón sobre os ombros e na man un bastón por atributo. Pequenas diferencias que, sen embargo os manteñen no grupo dos Cigarróns e dos Peliqueiros.
            Os meus amigos Felos, de quen conservo unha máscara feita polo Manuel a golpe de xubia e navalla, van percorrendo nestes días as súas paisaxes. Son, com dixemos, parentes dos Cigarróns de Verín e dos Peliqueiros de Laza, pero teñen pequenas diferencias, e tal vez, por razón que só a historia pode xustificar, perderon algo da súa transcendencia animista.

            Non lle faltan o chaleque con charreteiras, o pano e a garabata. Van de aldea en aldea, ruando por corredoiras e estradas, importunando ás féminas, porque neste acoso seudosexual, veñen a revivir, dalgún xeito a xeración de vida, o baile de noivos como un baile de paxariños antes de facer o niño.

            Alguén me ten contando que son unha recreación burlesca dos antigos cobradores de impostos (como din doutros), pero non o creo, só hai que ver como se portan as outras máscaras da familia para que se vexa a razón de non crer eu niso e si para pensar que este tipo de máscara, algunha vez estivo máis presente nun máis extenso territorio. E desde Maceda vamos ata Laza, imos ver os Peliqueiros de Laza

Os Cigarróns de Verín


Vin un paisano que se arrepuxo ó paso dun Cigarrón, e todos os presentes ó unísono increparon a aquel que non sabe que o Cigarrón ten dereito de paso e de presencia.












O Cigarrón, con claras diferencias co Peliqueiro e o Felo, na súa vestimenta, tamén se inviste desa autoridade que lle dá ser un sacerdote do ritual en cada Entroido, un sementador de fartura alí por onde el pasa, nada que ver con esa lenda de se eran os recadadores do conde de Monterrei que tiñan que disfrazarse para que non os recoñecesen os paisanos. Só hai que ver os atributos simbólicos que portan, a pelica, a máscara con mitra onde se representa unha figura zoomorfa, as cores vivas sobre o branco das medias, pantalóns e camisa, a combinación de atributos masculinos e femininos, garabata ó pescozo e liga na perna, que lle outorgan unha representación da unidade de ambos sexos nunha soa figura, como se nun só ser se puidese representar a dualidade sexual; e as chocas, imprescindibles, grandes de son forte, para anunciar a súa presencia.


Como na maioría das figuras tradicionais do Entroido, ata hai poucos anos só podían vestir estas roupas os homes.
Dexámoslle o paso libre e agora imos acercarnos a Maceda, para que vexades semellanzas e diferencias con estes Cigarróns. Imos ver os Felos de Maceda