Por Rosa Benigna Vizcaya
Coñecemos
con detalle a procesión gracias á obra de Lucio Apuleio, “As metamorfoses ou os
Asno de ouro”. Aínda que toda ela moi interesante, pola proximidade co Entroido
e o Carnaval ímonos centrar nun grupo que enchía as rúas o día da festa,
formado por unha mascarada na que tiñan cabida diferentes figuras, así
aparecían desde persoas disfrazadas de senador, de filósofo, de pescador, de
cazador, un home con roupas, perruca e zapatos de muller e ata imitando o andar
feminino, unha osa sentada nunha cadeira e ataviada como unha respectable
matrona, unha mona vestida de Ganimedes (un mozo do que se namorara Xúpiter) e
outros oficios, actividades e profesións. Semella un grupo de disfrazados do
noso Carnaval: no lugar do filósofo podía ir un famoso presentador da
televisión, no do senador calquera político, e para algo máis indeterminado
usaríase o inefable buzo azul.
Cóntanos
Apuleio que entre estes xogos populares (como el os define) viña a solemne
procesión da deusa protectora, con mozas que ciscaban pétalos e perfumes por
onde ía pasar a comitiva sagrada, mulleres que cantaban ou recitaban textos
sagrados, con roupas alegres e espellos ás costas para que a deusa vise a quen
viña detrás dela, a continuación os sacerdotes vestidos de branco e rapados,
portando diversas reliquias e facendo sonar varios instrumentos musicais, os
fieis portaban candeas, cirios e teas acesas, un dos sacerdotes levaba un
recipiente con forma de peito feminino do que saía leite e outro portaba sobre
as súas costas a imaxe dunha vaca como símbolo de fertilidade, pois a mesma
deusa era considerada unha das nais da terra.
Unha
vez concluída a procesión, e botado o navío, cando este se perdía no horizonte
regresaban ó tempo, onde os fieis bicaban os pés da imaxe da deusa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario