domingo, 11 de abril de 2021

DE GALOS E GALIÑAS CANTORES

     

Por Pepe de Rocaforte


A etapa de Nájera a Santo Domingo da Calzada, que refería hai un par de días, tróuxome á memoria a lenda do galo de Barcelos, sobradamente coñecida; pero se por aquí aínda queda alguén que a descoñeza vouna referir nun plis plas . A historia vai dun peregrino galego que facendo por unha promesa o Camiño de Santiago, ó seu paso por Barcelos foi prendido e acusado do roubo duns cartiños na casa dun fidalgo de por alí. Sen máis requilorios a autoridade competente condenouno a morrer aforcado. O malpocado galego pediu como última vontade ser oído polo xuíz, petición aceptada magnanimamente polos encargados de levar a cabo a execución, e levado por tanto á casa da autoridade xudicial, que naquel momento se dispoñía a xantar un galo recén asado no forno.

O peregrino puxo a Deus por testemuña da súa inocencia e dixo que se non crían a súa palabra, ata o galo, que o xuíz se dispoñía a xantar, resucitaría e se poría a cantar. O xuíz respondeulle que fose collendo camiño da forca mentres el daba boa conta do galo. E se no tempo en que o galego era colgado da cordiña ó galo se lle ocorría poñerse a interpretar unha cantata, xa pasaría pola praza para tomar as necesarias medidas.

¿E que pensarán vostedes que sucedeu? Pois xusto no momento en que o galego se abaneaba no aire coa gorxa abrazada pola gravata de cánabo, o galo obxecto da papatoria recuperaba plumas e pico e empezaba a dar un concerto musical. Naturalmente o xuíz recapacitou e alá correu a anular a sentencia.

Certo que alguén amigo de buscar peliños no leite, como dicía o meu defunto amigo Manoel Riveiro Loureiro, poderíase preguntar: se o peregrino que facía o Camiño de Santiago era galego, ¿que raio pintaba de paso por Barcelos? Ou, coñecedor das famosas feiras da localidade, ¿decidira dar un rodeo por alí para mercar, non digo unha figura de barro de Rosa Ramalho, que aínda tardaría un par de séculos en nacer, pero algún outro cacharro, ou (como nalgunha ocasión fixen eu) mercar unhas maceiras e pereiras de castes aquí desaparecidas, para plantar na súa horta cando estivese de volta na casa?


Non sei, pero tamén se me ocorre pensar no que me contaba outro meu amigo, o xornalista e narrador José Viale Moutinho, quen nunha viaxe ó Brasil, no aeroporto, non lembro se de Río ou de São Paulo, cando esperaba para coller o voo para Lisboa oíu falar a carón seu a unha parella e gostoulle tanto o acento ou sotaque propio dos naturais de Ourense, que se achegou a eles para lle preguntar: “¿Os señores son galegos?” Ó cal se revirou o elemento masculino da parella para responder evidentemente indignado: “Gallegos son los portugueses”. Nun suposto similar paréceme máis posible que o peregrino do conto fose un portugués de entre Douro e Miño.

Pero ese mesmo amigo de atopar peliños no leite, tamén podería sentir algo de estrañeza no caso de saber que unha historia moi similar se contaba douscentos ou trescentos anos antes da portuguesa como sucedida en Santo Domingo de la Calzada, onde afirman que “cantou a galiña despois de asada”.

Na historia rioxana cóntase que os peregrinos, neste caso alemáns, eran tres: un matrimonio e o seu fillo, mozo de moi boa planta, por quen sentiu un súbito flechazo a filla dos donos do mesón onde os teutóns pararan a pasar a noite. Como o Adonis xermano non lle fixo o mínimo caso ós requirimentos amorosos de moza, esta, por despeito, meteu unha copa de prata na súa equipaxe e cando pola mañá marchaba da cidade o trío familiar, a moi rancorosa foi denunciar por ladrón ó rapaz diante da autoridade competente.

Acto seguido levouse a cabo o correspondente proceso, que rematou na morte por aforcamento do mozo. Pero ó día seguinte da execución da sentencia, os país, ó írense despedir do seu fillo defunto, observaron que continuaba milagrosamente vivo. A tal ver a malpocada parella correu á casa do correxedor para lle referir o milagre e este, que se dispoñía a xantar un galo e unha galiña asados, respondeulle que o mozo estaba tan vivo como aquel par de aves de curral que lle prepararan para o xantar. E xusto entón a parella de galiñáceas recuperou a plumaxe e a vida e empezou a cantar un fermoso dúo operístico. Ou cousa así.

   

luns, 5 de abril de 2021

FACENDO O CAMIÑO (10)


 DE NÁJERA A SANTO DOMINGO DE LA CALZADA

Por Pepe de Rocaforte


 

27 de maio – Esta mañá, moi cedo, como nos estamos afacendo por culpa dos franceses madrugadores que nos escorrentan o sono todos os días, iniciamos o camiño de Santo Domingo de la Calzada. Pola pista que se afasta da vila bordeando Santa María la Real, ademais de peregrinos, vemos coches con excursionistas locais, tal vez dispostos a pasar un día de campo aproveitando o domingo. Tamén eles son madrugadores.

Pasamos por Azofra e lembrámonos do belga da mañá anterior, o futuro hospitaleiro do Camiño. Logo a pista lévanos ata a estrada, onde se nos presenta a alternativa de seguir pola súa beira ou torcer á esquerda para chegar a Cirueña e de alí a Santo Domingo. O sol xa empeza a apertar de firme, o que nos fai escoller o traxecto máis curto, a pesar do inconveniente de correr paralelo á estrada.


Chegamos a un altiño onde hai unha estación de servizo e alí vemos camiñar de cara a nós, pero pola beira contraria da estrada, un home de mochila ó lombo. Ten ganas de falar e atravesa a carreteira para vir onda nós. Sentámonos a conversar un pouco con el e cóntanos que é brasileiro, outro máis. Iniciou a viaxe a pé en Madrid, desde onde foi a Guadalupe, en Estremadura. De alí atravesou a Portugal e subiu a Fátima, onde tomou a ruta de Santiago. Desde Santiago vén facendo o camiño en sentido contrario a nós e o seu próximo destino é Lourdes, desde onde pensa baixar a Roma, para logo gañar a volta e continuar ata Xerusalén. Pregúntolle canto tempo pensa inverter en todo ese percorrido e encolle os ombros. O que sexa, responde, non lle preocupa. É novo aínda, calcúlolle arredor dos trinta anos. ¿De que vivirá? Supoño que cando regrese ó Brasil non se verá apremiado por problemas económicos ou laborais.

Ó entrarmos en Santo Domingo, á porta do albergue das monxas, aínda pechado, atopamos a unha das uruguaias con que nos viramos por primeira vez en Eunate. Chámanos a atención, porque tanto a ela, que é a máis lenta, como á súa curmá, a que me viñera abrazar alborozada coidándome paisano seu, e unha brasileira, Bernardete, “Dete”, filla de alemán e italiana, que viaxan xuntas, deixarámolas atrás hai dous días. Confésanos que veu en taxi porque ficara moi atrasada e as súas compañeiras non queren que camiñe soa. Agora está aquí esperando por elas. Nós seguimos ata un pouco máis adiante, a un albergue na casa da “Confraría do Santo”, onde quedamos en reunirnos co grupo habitual destes últimos días.

A eso da unha van chegando os últimos do noso grupiño. Chus, o chef de cociña, veu en coche ata aquí, pero esta mesma tarde collerá camiño de volta para a casa xunto cos fillos de Jaime. A ferida do ollo vaille ben, pero a da perna moléstalle bastante para andar. Quen tamén fixo unha etapa máis é Nerea, a muller de Jaime, a quen estivera animando Inma a proseguir con nós a excursión ata Santiago, o que lle valeu unha reprimenda do seu marido, cando non estaba Nerea diante. Jaime seica non ten ganas de levar consigo compañía conxugal, prefire continuar de mans libres.


Xa todos xuntos imos xantar en “Santa Teresita”, o hostal das monxas que, segundo me contaron, son da Orde do Císter: No ambiente de recollemento deste comedor empezamos a montar un alboroto escasamente piadoso. Corre o viño, Fernado “Gila”, fílmanos a todos coa súa vídeo-gravadora. O alboroto prolóngase despois de xantar ata que nos veñen dicir que lle é preciso recoller as mesas, ou sexa, que xa é hora de irnos largando a dar a murga noutra parte máis mundana.

Igual que onte en Nájera, preséntasenos unha tarde de domingo aborrecida. Vai unha calor que non che permite acougar en parte ningunha. As cegoñas fan castañolar os seus picos nos niños ó longo dos restos da muralla da poboación. Só dentro da catedral se nota fresco e polo tanto imos botar alí un bo anaco á espera de que canten as galiñas (ou o galo), que viven nunha especie de relixioso galiñeiro no interior do templo. Disque oír cantar as galiñas da catedral é un bo presaxio para o peregrino, pero nin flores, hoxe non deben ter moitas ganas de cantar, supoño que o domingo será día libre para elas.

Estamos nestas cando empeza o rezo do rosario e unha amable señora vénnos informar de que durante a celebración dos oficios non se poden facer visitas turísticas. Será cousa, polo tanto, de irmos marchando, aínda que non poida ser con vento fresco. Está visto que hoxe lle toca ser día de botarnos dos sitios. Pola miña parte voume a un bar para ver na televisión como o Deportivo perde na casa por dous a un frente ó Valladolid. A ver se remata pronto este domingo de Santo Domingo.

NOTA: Esta etapa do Camiño dáme pé para contar a historia do galo e a galiña que cantaron despois de asados. Se vostede ten interese en lela poderao facer este xoves ou venres na miña colaboración habitual de tal día da semana.

    (Etapa 11)

sábado, 3 de abril de 2021

Un accidente estúpido

   

 

Estaba Xulio na ducha cando tivo o accidente.

     Viña de dar un longo paseo, como soe facer a diario, durante o que sempre atopa a algún coñecido que lle dá esas pequenas noticias locais que non saen na prensa, quen está san e quen non, quen superou o covid ou quen ten postas as dúas doses da vacina. Tamén quen leva varios meses no hospital e non atopa mellora; coñecidos que sen ser da familia ou do círculo de amizades forman parte da veciñanza, como semáforos que nos din se a vida segue ou ten atrancos, pequenas faíscas para indicarnos que formamos parte da sociedade e cando ela padece padecemos nós. E mentres a auga coa súa temperatura ideal corría polo seu corpo el ía rememorando esas notas con reberetes sentimentais, coma cando o profesor Barreiro (bibliófilo empedernido) lle dixo que antes se lle poñía un piso á querida e agora haillo que poñer ós libros. Esas novas que tiran pola anécdota e a lembranza facendo revivir a todas as persoas a quen non puidemos despedir debidamente.  

     Xa sabemos que o pracenteiro momento da ducha maniféstase de mil e unha maneiras, ata o punto de que nela se alonga ese intre de sosego e reflexión, nela canta o máis tímido e demórase o máis apurado executivo.

     Ese día a Xulio tamén lle falaron dun amigo a quen durante o obrigado enclaustramento lle entraran na casa e lle baleiraron todos os caixóns. Tan impactado quedou coa nova, que mentres a auga o aloumiñaba e se enxaboaba sen présa, con suave e demorada masaxe, sen máis control ca sentir o maino tacto da pastilla de xabón e a esponxa deslizándose polo corpo, formando unha escuma pola que nin cando ó pousar a pastilla esta esbarrou da xaboeira se molestou en mirar onde caera para que non lle entrase xabón nos ollos.  

     Tan concentrado estaba nas súas cavilacións que, cando, de súpeto, un golpe no armario do baño, primeiro como o renxer dunha porta abríndose e de seguido o bater de algo fóra dos estantes, o espertou cun flash back da película Psicoses obrigándoo a abrir os ollos, entroulle neles o temido xabón con ese comechón horrible que che obriga a pechar as pálpebras con forza; deu un paso para botar man da toalla e pisou a pastilla facéndolle perder o equilibrio. Tratou entón de asirse a algo e colleuse á cortina do baño coa que foi de fociños contra a pía do lavabo, mentres a  ducha disparaba sen orde a todas partes inundando o cuarto.

     Cando por fin puido controlar a desfeita, secarse os ollos, pechar a billa, curar un pequeno corte no beizo e pasar a fregona, quixo reconstruír o que pasara. Simplemente que un bote que deixara en equilibrio inestable acabara de caer con tal estrondo que o asustou e provocou todos eses danos colaterais que interromperon o pracenteiro momento da ducha.

     Logo reflexionou en silencio mentres tomaba o café de media mañá,  lembrando a escena da famosa película de Hitchcock, onde contemplamos a dura morte dunha moza sen ver unha gota de sangue nin que o coitelo lle toque o corpo: e se fose outro aloucado Norman Bates quen lle entrara na casa?, que podía facer? Nu e cos ollos proendo.

     O medo, que tanto pode acovardarnos como impulsarnos a actos irracionais, incluso pode convertir en heroe a quen fuxiu en dirección contraria.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

xoves, 1 de abril de 2021

COLUMNAS E COLUMNISTAS


Por Pepe de Rocaforte

   


  Paréceme ter comentado aquí, e posiblemente en máis dunha ocasión, a miña aspiración, cando era rapaz, de chegar a ser un xornalista famoso. Pido desculpas por repetirme máis que as sardiñas en lata, pero traio de novo o tema a conto, esta vez por causa do que escribín a semana pasada, cando me encontraba vacío de ideas diante da pantalla en branco, incapaz de atopar un asunto co cal encher a colaboración semanal.
     Certo que por aquel tempo de cando era cativo tamén aspiraba a ser director de banda de música, sobre todo polo aquel de marchar, cheo de seguridade en si mesmo, camiño do campo da festa cun leve balanceo de corpo a dereita e esquerda, coma quen non quere a cousa, diante da súa formación musical nas grandes romarías de verao na aldea, coas súas gorras de prato e os seus impecables uniformes azul mariño, armados de bombardinos, trombóns, clarinetes, saxofóns, bombos e pratos, todos imponentes, moi dourados e brillantes.
     Pero quen fixo inclinar a balanza das miñas preferencias naquel tempo foi un señor chamado Santos Bosch, de quen non sei outra cousa, salvo a de ter publicado gran cantidade de mini-biografías na inesquecible Enciclopedia Pulga, alá polos anos cincuenta e sesenta do século pasado. O seu libriño, o que me convenceu, titulábase “El viaje de Stanley por el África”, e empezaba así: O 16 de outubro do ano 1869, atopándose Henry Stanley en Madrid, na súa casa da rúa da Cruz, recibiu un telegrama expedido por mister James Gordon Bennet, director do «New York Herald», periódico do cal Stanley era correspondente.
     Rompeu o sobre e leu o que segue: «Volva a Paris; asunto importante». Dúas horas despois, Stanley tiña xa a punto os seus libros e os seus papeis, cerradas as súas maletas, disposto a emprender a viaxe.

     Aí é nada! Converterme nun xornalista que, sen ningún tipo de ataduras, viaxaba a calquera lugar do mundo, facía reportaxes coma quen lava, e era lido e admirado por gran cantidade de xente nos máis importantes xornais europeos e americanos.
     Logo, a medida que pasaban os anos, empecei a decatarme de que tampouco me iría mal a práctica dun xornalismo máis sedentario (e asequible), e a idea, entón, foi a de chegar a columnista nun periódico que tampouco precisaba ser o número un de España, ou de Galicia, e así foi como me empecei a fixar nas columnas dos xornais que chegaban ás miñas mans.
   
  Se non me falla a memoria o primeiro a quen empecei a seguir foi a Ricardo Outeiriño, que en “La Región” escribía a diario “Márgenes”, de onde posiblemente sacaría con posterioridade Carlos Casares o nome para as súas colaboracións “Á marxe” en “La Voz de Galicia”. Os “Márgenes” de Outeiriño non me entusiasmaban demasiado; quen de verdade me meteu a afección no corpo foi Vicente Risco coas súas colaboracións en “La Hoja del Lunes” de Ourense.

     Xa na Coruña empecei a ler a “Pluma de media noche”, de Luís Caparrós, na Voz, e durante un tempo non me desagradou, logo empezoume a cansar. Tamén por aquel tempo lía as columnas “De sol a sol”, de Bocelo, xornalista interesante con frecuencia, primeiro na Voz e logo en “El Ideal Gallego”. No Ideal encontraría a firma de Eugenio Pontón, que empezou a me cair moi ben cando nunha ocasión explicou por que lle puxera o título de “Timón de proa” ás súas columnas xornalísticas. El que, coma min, era de terra adentro, pensara que o timón era aquela roda manexada polo temoneiro da embarcación. Cando lle explicaron que non era así, agradeceu a información, pero decidiu seguir utilizando aquel nome para non ocultar a súa ignorancia anterior.
     Xa máis tempo andado, fun seguidor durante unha boa tempada de Manuel Alcántara e Francisco Umbral, dous pesos pesados do columnismo español. E finalmente intereseime por Carlos Casares e a súa “Á marxe”, na Voz, onde para salvar a papeleta cando non lle acudían os temas á cabeza, botaba man dun tal “Samuel”, seu gato, que a min non me gustaba pouco nin moito, pero encantaba a moitos lectores. Como é sabido, sempre se atopan gustos variados.
     Na actualidade non podo negar a porca envexa que sinto diante das colaboracións de Manolo Rivas en distintos medios. E confeso seguir tamén a Juan José Millás por quen sinto unha especial simpatía, Pero a pesar de toda esa bagaxe formativa, o meu nome nunca chegou a figurar ó pé de ningún traballo xornalístico, así que xa pode imaxinar vostede o contento e agradecido que lle estou a Francisco Vidal por me ofrecer este recantiño no seu blog para exercer nel a miña afección.
     Aínda que en ocasións a falta de ideas me torture da mala maneira que me tortura.