O
Curmán de Undochán
“Patria de mi padre, luminosa y grande...” comeza Juana
de Ibarbourou (1892-1979) o seu poema “Galicia”, un dos dous (o outro,
“Morriña”: “Quiero sentirme, Galicia,/ recibida por tus gaitas...”) dedicados á
terra paterna, para rematar dicindo “Con el niño mío, que también te ama/ oh,
Galicia mía, hemos de traer/ a la patria india que amparó a mi padre/ algo de
tu hechizo y tu placidez”. (De sempre achamos que aquel verso primeiro
definiría máis ben a España).
Xa tendo falado do seu “Chico Carlo” (Crónicas 16), hoxe
quixera traer aquí outros aspectos da calificada como Juana de América. Segundo
se expresou por miúdo nas xornadas galaico-uruguaias de Ribadeo e Lourenzá
(2007: sesquicentenario de Alonso y Trelles), a poeta uruguaia, filla do
lourenzanés Vicente Fernández, tivo, ao longo da sua longa vida varios
contactos intelectuais con Galiza: o seu estudo sobre as cantigas de Santa
María (1930), o seu anterior (1928) prólogo a “Cantigas e verbas ao ar”, de
Xulio Sigüenza (Ed. Lar, Coruña, que cremos traducido ao galego polo editor D.
Leandro, con capa de Lolita Díaz Baliño), etc., etc.
(Temos unha gravación coa sua voz agradecendo a
imposición do seu nome -1963- á biblioteca municipal de Lourenzá, sendo que, no
citado 2007, foi nomeada filla adoptiva da vila, a título póstumo). O menos coñecido escritor uruguaio, este
narrador, Valentín García Sáiz (1894-1974), fillo dun mindoniense, foi outro
lembrado na ocasión.
Falando de poetas, e alén de Trelles, El Viejo Pancho (Crónicas
17), o coruñés Xulio Sigüenza Raimúndez (1898-1965) residira en Montevideo c.
1927-1934. O betanceiro Ángel Aller (1887-1977), como o citado Trelles,
radicouse neste país de por vida. E. Blanco-Amor, desde Buenos Aires, foi
recorrente visitante veranceiro e conferenciou xa desde 1923 e actuou como
axente reservado da República española en guerra, tendo declarado que case toda
a sua poesía aquí nacera e aquí tamén se iniciara na novelística con “La
catedral y el niño”...
Outro que no Rio da Prata ficou, en ambas capitais, foi o
corcubionés, de familia malpicá, Arturo
Carril (1902-1990), escritor mais non poeta. O propio Celso Emilio Ferreiro por
aquí pasou, publicando (1955) “Voz y voto” e aquí asinando (1968) o poema “Terra
de ningures”, do seu libro homónimo. (Miguel González Garcés publicou en
Montevideo nese tempo -1956- o opúsculo “Diez poetas gallegos”, con poetas nas
duas linguas de uso no país).
Capítulo aparte merece o vilaxoancés Juan García Durán
(1915-1986), Luis Costa García de seu verdadeiro nome: ácrata moi activo na
clandestinidade, preso (1936-1943) nas cadeas franquistas, exiliado (desde
1950: París, Camberra, Detroit, Texas, Houston, Washington...), morou en
Montevideo onde se titulou de bibliotecario e onde, sobre iso, impartíu (1965
na Facultad de Humanidades) o primeiro curso de Língua e Literatura
galega neste país e no mundo. Cursos que, trinta anos despóis, o goberno de
Galicia recreou durante duas décadas, e polos que pasaron profesores nativos tales
Modesto Hermida, X.M. Dobarro, Luis Pérez, E. Vázquez Souza, Ma. José Lojo,
Francisco Maseda ou Élida Abal, entre os que lembramos.
Outros visitantes galegos costumeiros foron, nas décadas
de 30 e 40, Maruja Mallo -con Lorenzo Varela- e Castelao. Pola sua parte, o
noso fotógrafo José Suárez (1902-1974) residíu permanentemente en Punta del
Este (ao igual que Rafael Alberti e os seus), durante os anos 40, na sua casa
“El Yelmo de Mambrino”, nome cervantino, Mambrino, tamén do seu can.
Frase extemporánea: Uruguai é, con moito, o
país latinoamericano que máis utiliza tarxetas de crédito, diñeiro plástico,
vamos: diagnóstico?
Ningún comentario:
Publicar un comentario