Por Pepe de Rocaforte

Despois pensei empezar deste outro xeito: Herbert Wild,
novelista francés nacido en 1880, iniciou a súa carreira literaria en 1926
cunha novela titulada “Ladran os cans”, finalista nun premio gañado por André
Malraux coa novela “A tentación de Occidente”. Á esa primeira incursión de Wild
no terreo da narrativa seguirían máis: “Na boca do dragón”, “O coloso durmido”,
“A outra raza”, “Sucedeu en China”, etc.
Pero tamén podería ter empezado deste modo: Acabo de ler
un libro titulado “A mirada de Apolo”, de Herbert Wild, autor ata hoxe
descoñecido para min. Nel recóllense dúas novelas
curtas: a que lle dá título e “A derradeira homenaxe ó profesor Mendax”. A
primeira recolle unha historia contada nunha reunión de amigos por un deles,
testemuña do que está a referir: a viaxe a Córsega dunha parella, el francés,
ela sueca, en busca dun clima axeitado para o tratamento da enfermidade do
home, pintor que empeza a acadar certo prestixio no mundo da arte. A outra
novela trata dun ilustre filólogo que vai recibir a Gran Cruz da Lexión de
Honor polas súas revolucionarias investigacións sobre o período que vai da
época dos Gracos á morte de Sila, na historia de Roma.
A estas alturas supoño que o perspicaz lector
sabe de sobra que o xeólogo Jacques Deprat e o novelista Herbert Wild son a
mesma persoa; pero hai algo máis que lle vou axudar a descubrir, se lle
interesa. A min, despois da lectura de “A derradeira homenaxe ó profesor
Mendax”, entroume o desexo de saber máis cousas sobre Herbert Wild, e así
descubrín que, en 1916, o paleontólogo Henri
Mansuy e Honoré Lantenois, compañeiro de traballo e supervisor, respectivamente,
de Jacques Deprat, con quen este mantiña discrepancias no traballo, acusárono
de introducir fósiles fraudulentos nas súas coleccións, falseando os seus
traballos de investigación. En 1918 un comité de científicos considerou a
Deprat, por unanimidade, culpable de fraude e expulsouno da Sociedade Xeolóxica
de Francia, o que puxo fin á súa carreira científica.
Con corenta anos, sen traballo, casado e con dúas fillas,
Deprat regresou a Francia e escribiu unha novela, “Ladran os cans”, na cal
conta a historia da súa expulsión do Servicio Xeolóxico francés e reivindica a
súa inocencia no fraude que se lle achaca. A novela tivo certo éxito e animouno
a iniciar a súa carreira de escritor.
Como detalle final: en 1991 Deprat foi rehabilitado en
sesión solemne da Academia, pero o xeólogo e novelista xa morrera en 1935 nun
accidente de montaña nos Pirineos. O recoñecemento chegáballe un pouco tarde.
Se a alguén lle interesa saber algo máis sobre esta
curiosa historia de inimizades entre científicos, pode botarlle unha ollada en
internet a Ciencia 15. Blogalia.
E se quere ler unha
reportaxe sobre o accidente en que Jacques Deprat perdeu a vida, pódea ler enPirineo Dixital .
Ningún comentario:
Publicar un comentario