Por Pepe de Rocaforte
Este domingo pasado celebrábase na Pobra do Caramiñal a
procesión das Mortallas, nas festas do Nazareno. Cadroume de andar por alí ó
lado e, como nunca asistira a esta celebración, animeime a dar unha voltiña
para ver o ambiente; pero as moreas de xente por todos os lados facían un tanto
fastidioso o paseo polas rúas da vila, en vista do cal optei por tomar camiño
da Curota e facerlle unha visita a Valle Inclán no miradoiro da Curotiña, onde
estaría todo máis tranquilo.
Na volta matinal polas rúas invadidas de festeiros, o
paso dunha banda de música interpretando pezas musicais cheas de brío
trouxérame á memoria a vila de Kotor, en Montenegro, similar á Pobra en tamaño,
a onde cheguei un día, supoño que tamén de festa (ou polo menos de feira, cos
telderetes dos moinantes –coma os de aquí- montados ó longo das murallas, onde
ofrecían as súas mercancías ó lado da zona portuaria). Aquel día tamén unha
banda de música animaba as estreitas rúas de Kotor cos
seus sons máis ou menos melódicos e de aí que me viñesen ó pensamento.
Na Curotiña, ó pé da estatua de Valle, frente a toda a
extensión da ría de Arousa ofrecida á miña vista, coa illa de Ons ó lonxe e,
por detrás dela, as Cies medio esvaídas na bruma, volvín recordar Kotor no
fondo da súa baía, co mar silencioso e liso coma un espello envolvendo a beleza
inmóbil, chea de misterio e silencio, das insuas de Sveti Dorde (San Xurxo) e
Gospa od Skrpjela (Nosa Señora das Rochas).
Entón veume á memoria unha anécdota segundo a cal, para
dirimir a discusión entre Vilanova e a Pobra sobre o lugar de nacemento do
escritor, veciños dunha e doutra vila preguntáronllo ó propio Valle, quen dun
xeito moi salomónico declarou que, estando de parto a súa nai, subiu na Pobra ó
barco que facía a travesía a Vilanova e xusto no medio da ría tivo a ben vir ó
mundo o insigne don Ramón.
Hoxe seica está confirmado que Valle naceu en Vilanova,
anque posteriormente tivese máis relación coa Pobra, á vista do cal ocorréseme
que nese medio da ría, a metade de camiño entre ambas localidades, poderíase
erguer unha pequena illa como a de Bedloe ou a Liberdade, en Nova York, ou como
a insua montenegrina onde os festeiros que ían en peregrinación ó rochedo en
que aparecera a Virxe, en cada visita levaban
consigo pedras que deitaban ó mar arredor da peneda ata formar a explanada na
cal foi construído o santuario de Gospa od Skrpjela.
No caso da ría de Arousa, naturalmente, elevaríase a estatua
de don Ramón María del Valle Inclán, coas barbas de chibo peiteadas polo vento
do Atlántico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario