Os que algún día lemos o Siddharta de Hermann Hesse ou simplemente eramos seareiros da serie
“Kung Fu” gardamos unha certa simpatía polas relixións orientais. Só moi
recentemente nos preguntamos se a vida conventual deses monxes é tan decorosa
como nola presentan, se nese illamento en que viven non existen os odios, as
envexas e os abusos que se dan noutras comunidades. E agora, para sorpresa de
todos, o seu máximo líder espiritual, o Dalai Lama, dinos cun sorrisiño como de
quen non quere a cousa, que só o poderá substituír unha muller se é guapa,
porque doutro xeito non mirarían para ela. O cal vén a confirmarnos o que tantas
veces nos dixo o amigo Xulio, que ninguén e tan bo que non teña algún defecto
nin tan malo que non teña algo de bondade. Pero hai defectos que non teñen
cabida aínda baixo as expresións máis inocentes. E frases como esa do Dalai
cobran unha especial significación cando quen as di é unha persoa de cuxa
conducta deben tomar exemplo todos os seus fieis ou seguidores. En persoas coma
el esas bromiñas non teñen gracia.
Estes días tamén soubemos que a Asociación de
Bibliotecas Americanas, acaba de retirarlle o nome do seu fundador á medalla
que cada ano se lle outorga ós máis relevantes bibliotecarios de Estados
Unidos, dada a conducta pouco ou nada ética de tal señor.
Melvi Dewey, inventor do sistema de clasificación
decimal que aínda se usa hoxe en día, director entre outras institucións da
biblioteca de Nova York ou da universidade de Columbia, foi considerado un dos
prohomes da sociedade americana a pesares de que en máis dunha ocasión amosou unha
conducta racista e misóxina; e aínda que os libros se referían a el como un xenio que
aportaba o mellor de si á sociedade, unha boa parte desa sociedade non o tiña
por tal. Por exemplo, cando creou o club Lake Placid, en Nova York, onde se
combinaban o deporte e a educación accesible a todos pero impedía a entrada ós
xudeus. Sabíase isto e moitas cousas máis que moi poucos se atrevían a
denunciar e só se criticaban coa lingua pequena, por ser el quen era, pero tras
a publicación da súa biografía, hai algo máis de vinte anos, baixo o
esclarecedor título “Reformador irreprimible”, aportáronse os datos da
irregular conducta.
Xa en vida foi acusado polas mulleres que traballaban
ás súas ordes de acoso sexual, pero pasábase por alto e desculpábase, baixo o
prisma machista imperante, á fin el era un home e elas unhas provocadoras. No
1904 chegouse a facer unha petición para que fose apartado da dirección da biblioteca
de Nova York dado o seu declarado antisemitismo, ata que el mesmo decidiu
dimitir para non pasar a vergoña dunha expulsión. E dado que o tempo todo o
cura, esqueceuse o asunto e volveu ó seu posto, pero non perdeu as mañas
depredadoras, misóxinas e xenófobas, e seguiu acosando ás súas subordinadas e
colaboradoras, ata que en 1930, con case oitenta anos, tivo que pagarlle a unha
das empregadas dous mil dólares para liberarse dun xuízo que o condenaría a
algo máis que unha multa.
Tras a súa morte en 1931, cando se tocaba o tema da
súa conducta sempre había quen o desculpaba co de que non había propósito
maligno ou que eran outros tempos, como se a moral dependese do ano, algo que,
como vimos de saber, non era a opinión daquelas que sufrían o seu abuso e non
sempre o podían denunciar.
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)
Ningún comentario:
Publicar un comentario