luns, 16 de setembro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (36)



                                                                        O Curmán de Undochán

            Como neste hemisferio é inverno, temos máis e millor tempo para nos concentrar nas nosas crónicas e este día decatámonos da homonimia, ao redor desa ave de rapina, que se dá entre a Lexión Cóndor e a Operación Cóndor -trinta anos de separación non son nada!-, aquela matando na terra basca, esta multidelinquindo nas terras sulamericanas.
Armas do Ecuador
            Vella teima do home esta de se apropiar dos bechos para neles reflectir os seus complexos, a sua maldade ou bondade, os seus talantes e talentos: desde os fabulistas antigos ata os modernos e ata os creadores dos deseños animados ou non... toda unha zoofilia (amor polos animais, ollo á primeira acepción hispano-académica, nada que ver coa máis vulgar segunda significación de desviación sexual!) que se veu manifestando desde sempre, lonxe de divertimentos cinexéticos ou de aproveitamentos comerciais-alimentarios (baleas, lobos de mar destas paraxes, elefantes... por só falar de mamíferos, entre os máis exterminados).
       
            Haivos outro campo cal é o heráldico, cos seus cuarteis e máis elementos do escudo, concretamente no que atinxe ás armas simbólicas dos países: examinada unha morea destas, correspondentes a uns noventa países, advertimos unha fascinación polo animal (curiosamente aquela suposta veneración pola vaca non se traslada ao escudo de Unión India... mais si ao de Andorra), ben lonxe da crueldade que tamén se dá en espazos e tempos supostamente civilizados, como as touradas e outras festas salvaxes.
Armas de Malasia
            Ora, foinos de moita diversión observar, alén do cóndor das repúblicas andinas, animais fantásticos ou míticos tales o unicornio anglo ou o dragón islandés, que estes si semellan inventados mesmo para esta función ornamental e simbólica dos escudos nacionais. Ou animais, por autóctonos, nada comúns, como o canguro e o emú (Australia), o armadillo (de Grenada), a llama e a vicuña andinas... e até un sapo e unha tartaruga de cadanseu país exótico.
            Aquel cóndor lévanos a outras aves de rapina, tal o abutre (de Malí) ou o falcón, habitual das armas dos países da Asia máis próxima e da África mediterránea, áreas maiormente musulmanas, e sobre todo diríxenos cara á aguia, nas suas diversas posturas, omnipresente nos símbolos de uns 25 países... Aves outras facendo lexión na heráldica mundial: pombas, papagaios, pelícanos, fragatas... Sen esquecer os varios bichos mariños. golfiños, tiburóns...
  O loro e o armadillo autóctonos de Grenada
            Só superada a aguia polo león que, xa desbotado das armas etíopes o milenario león de Xudá, aínda domina nunha trintena de estados, comezando por ese reino borbónico dos vosos e nosos pecados. Os seus parentes felinos, decorativos como poucos, en retrato, e elegantes de vez en presenza:  o tigre, o leopardo, o guepardo, a pantera, o xaguar... tamén teñen o seu lugar de honra.

             Disque o león europeo ou euroasiático prehistórico é o culpábel deste abuso gráfico universal e que o león do reino homónimo é un disparate filolóxico-heráldico dos moitos que hai, dado que o topónimo sería deturpación do latín legio/legionis... lexión en cristián (sen querelo, voltamos ao principio!) dos romanos da época imperial, e a sorte que tivo na heráldica xa raia co aborrecemento.
Armas do Uruguai
            O cavalo, pola contra, escasea e témolo no escudo deste país que nos acolle (representando a liberdade), que tamén ten, no cuartel limítrofe, un boi (na acepción de touro manso e produtivo  como símbolo da riqueza), completados coa balanza da xustiza e a fortaleza da forza (valla a redundancia). O touro, mesmo o búfalo, teñen presenza, mais ben pouca, noutras armas nacionais.

Información extemporánea: tres uruguaios, un historiador (Andrés Vázquez Romero, no Ordes paterno), un narrador e crítico (Ángel Rama, de pais galegos, en Madrid, de acidente) e unha poeta (Esther de Cáceres, no lar rianxeiro dos Dieste), morreron dun xeito repentino, cando estaban visitando esta banda do mar, respectivamente en 1985, 1983 e  1971.

Ningún comentario:

Publicar un comentario