luns, 30 de decembro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (51)


 O Curmán de Undochán


      Raúl González Tuñón
Como se dan por veces as cousas para os que non somos letrados rigorosos nen melómanos adoito! Na crónica 47 recollíamos a cuarteta en endecasílabo de gaita galega que lembraba Idea Vilariño de sua aboa cabanesa. Cuarteta a falar de Domingo Ferreiro (aí disfarzado como Domingo gaiteiro… pode que por unha memoria non de todo fiel da neta). Agora un amigo nos dá, sen nós mencionar o tema, a ponta do novelo. E para contárvolo ordenadamente, vou ao que vin en google. (Quixera saber onde e cando naceu este D. F.… se é que foi real, poisque algúns identifícano co “gaiteiro de Texas”!).
            O caso é que o poeta arxentino Raúl González Tuñón (1905-1974), que participou como corresponsal na guerra española, trabando relación cos poetas dese terríbel tempo, compuxo, polo 1937, un poema inspirado en D. F., desenvolvido con ese ritmo poético citado: “Tocala gaita, Domingo Ferreiro/ toca la gaita. –Non queiro, non queiro” (sic)… hiperenxebrismo co cal o cantaron e recitaron varios intérpretes rioplatenses (lembrade o que dicíamos na Crónica 4 sobre versos galegos na canción uruguaia, e tamén sobre a alteración polos cantantes, Crónica 11, das letras dos poemas).
            A partir desa poesía -que tivo resposta o mesmo ano en Buenos Aires polo poeta galego Avelino Díaz (1894-1971) e que foi recollida polo tacuaremboense Ildefonso Pereda Valdés (1899-1996) no seu “Cancionero de la guerra civil española” –dese mesmo 1937, publicado en Montevideo polo famoso editor galego Claudio García (1878-1949)- os cantautores uruguaios Juan José de Mello e Pablo Estramín musicalizárono para o seu disco “Cantacaminos” (1981)… e, agora enterámonos, con certo retraso!, que Luar na Lubre o incluí, traducido á nosa lingua e vintecinco anos despóis, no seu disco “Saudade” (2005).

            Pereda Valdés, o lonxevo poeta e ensaísta, compondo unha ampla “Antología de la poesía negra americana” (1936), foi pioneiro na consideración da temática lírica de creación negra, da que o cubano Nicolás Guillén sería unha das figuras principais. El mesmo cultivando tal temática, ao ponto de facerse famosa a sua “Canción de cuna para dormir a un negrito”, con música do catalán Xavier Montsalvatge, a que di “Ninghe, ninghe, ninghe… cabeza de coco, grano de café…” e que cantaba como ninguén Victoria de los Ángeles (quen, por certo, tamén fixo sonada “As froliñas dos toxos”, de Noriega, musicalizada por Frederic Mompou).
            Entón, agardando que alguén nos poda ilustrar sobre o tal gaiteiro, tornamos a nos asombrar coas voltas da cultura popular: un cantar noso –cuxa toada non coñecemos- do que dous versos se fixeron universáis nun poema español… e que, á vez, foi traducido para o galego polo grupo coruñés, tamén de sona mundial… O que nos leva ao noso curmán Un, que fixera unha tradución ao galego dunhas cancións de María del Mar Bonet en mallorquín, pero partindo da sua versión española: dicíame o tal parente que nunca chegou a saber se o produto galego se parecía algo ao catalán orixinal. Para iso aqueles tempos, non tan recuados, en que se verquían ao español poemas persas ou arábigos, chineses ou xaponeses… a partir de versións francesas! Que lle pergunten á nosa boa condesa dona Emilia se leu os novelistas rusos desde a sua lingua nativa ou se o fixo desde a tradución francesa dos mesmos).

Celestino Pichel, onte, Ramón Baliñas, Carlos González, (este, uruguaio), hoxe: algúns dos máis importantes gaiteiros de Montevideo.
           

Ningún comentario:

Publicar un comentario