xoves, 18 de xullo de 2013

A santa e divina auga

                                    



Camiñamos por un mes con forte presencia acuosa, marítima ou non, pois é neste mes onde non falta romaría coa súa fonte benfeitora. En Allariz temos a santa Mariña de Augas Santas, o día 18, a santa galega que se negou a sucumbir ós reclamos amatorios do invasor, e cuxo sepulcro se encontrou, como o do Apóstolo Santiago, despois de que un eremita vise unhas raras luces no bosque, en tempos de Afonso o Casto, e en cuxo santuario os devotos se lavan nunha fonte que mana sobre unha pedra con forma de orella para curar os males de oídos. O día vinte é a santa Margarida de Montemaior, na Laracha, a santa que repartía pan entre os cativos e facíao pasar por rosas, onde tamén se lavan os devotos na súa fonte para curar os males da gorxa e da pel, o vintedous é a Magdalena, aquela que lle lavou os pés a Cristo coas súas propias bágoas que tamén ten santuarios espallados polo país, como na Barbanza, coa súa fonte de augas curandeiras.


            E mentres aquí andamos de santiñas lavadoras, ¿que pasaba en tales datas en Roma?. Pois tamén o día dezaoito tiñan unha romaría con comida campestre nun bosque sagrado situado entre a vía Sálica e o río Tíber, en lembranza da hospitalidade que os romanos encontraron tras ser derrotados polos galos. E o día vintetrés era o día de Neptuno, o deus do mar, que tanto axudaba como castigaba ós seus devotos, ós sufridos e submisos mariños, pero tamén é o creador do primeiro cabalo e polo que neste día, mentres aquí andamos a voltas coa rapa das bestas, alí coroaban ós equinos con loureiros e flores e facíanos desfilar exentos de calquera tipo de labor en tal día.


Ningún comentario:

Publicar un comentario